XXXIII edición da Olimpíada da Rosca do CEIP Cruz Budiño

Aúna deporte e gastronomía

O Porriño | Como cada curso dende hai xa 33 anos o CEIP Cruz Budiño celebrou a súa tradicional Olimpiada da Rosca.

Trátase dun evento previo ás vacacións de Semana Santa no que o deporte se conxuga coa gastronomía e os nenos e nenas, os profes e os pais calzan as deportivas para festexar xuntos.

Desta vez participaron nas carreiras de atletismo preto de 150 cativos e cativas, e tamén o fixeron uns 50 pais e nais que se sumaron á proba que se disputa na contorna do colexio.

Para recuperar forzas unha vez rematada a xornada deportiva houbo rosca para todos!.
Este evento ten unha gran tradición no cole de Budiño e dende que se puxo en marcha nin a pandemia foi quen de paralo. Ese ano a Olimpiada da Rosca foi virtual e os anos seguintes modificouse para cumprir coas restricións sanitarias.