Xunta de Galicia inviste 1,2 M€ na rehabilitación do IES Pino Manso no Porriño

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou as instalacións

O Porriño | O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e os equipos directivos dos centros educativos do municipio, visitou hoxe o IES Pino Manso para comprobar o resultado das obras de rehabilitación integral nas que o seu departamento investiu preto de 1,2M€.

“Unha actuación enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a renovar as instalacións dos centros educativos para adaptalas ás novas necesidades do século XXI en termos como a amplitude, a flexibilidade dos espazos ou a eficiencia enerxética, entre outros”, explicou o conselleiro. O plan conta cun orzamento de 191M€ ata o 2024.

“Esta obra supón, ademais, elevar a 2,6M€ o investimento realizado polo Goberno galego nos sete centros educativos cos que conta este concello”, destacou o conselleiro. Así mesmo lembrou que neste municipio, no IES Ribeira do Louro, se imparte este ano por primeira vez o único ciclo en Galicia de grao medio en Pedra Natural, na modalidade Dual, ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería e o Cluster do Granito.

Pola súa parte, o alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu á Xunta de Galicia “a colaboración que mostra co noso Concello e a súa disposición a traballar da man, que se traduce en melloras para os nosos centros como esta que hoxe inauguramos ou o ansiado comedor do CEIP Xosé Fernández López que abrirá as súas portas o vindeiro curso, entre outras”.

O rexedor apuntou que “unha educación de calidade é un dos pilares básicos sobre os que se constrúe o desenvolvemento dun pobo a todos os niveis, e por iso seguiremos traballando para os nosos nenos e mozos poidan formarse nas mellores condicións. Queda por facer, e o faremos”.

Renovación da envolvente
“No caso deste centro de Porriño, actuouse principalmente para mellorar o confort da comunidade educativa”, sinalou o conselleirio. Neste sentido, mudáronse todas as cubertas, incluíndo tamén os canlóns e baixantes, e aplicouse un sistema de illamento térmico exterior ás fachadas. Tamén se cambiou toda a carpintería exterior por unha nova con rotura de ponte térmica e vidros dobres e renováronse as persianas e as súas caixas, colocando unhas novas de aluminio con illamento térmico de poliuretano.

A rehabilitación integral do centro incluíu tamén traballos para mellorar a súa accesibilidade coa execución de tres ramplas para a eliminación de barreiras arquitectónicas e tamén cambios na distribución da planta semisoto, entre outras actuacións. Como actuación complementaria, estase instalando un ascensor no instituto

Saúde na Escola contra as drogas
O Concello do Porriño, a través da concellería de Sanidade e a OMIX, está a levar a cabo nos colexios o Programa de Prevención Universal do Consumo de Drogas no ámbito educativo “Saúde na Escola”, co obxectivo de sensibilizar e informar aos máis pequenos sobre as consecuencias e riscos do consumo de drogas e tamén dotalos das ferramentas necesarias para combater a intención do seu consumo.

Nesta campaña participan un total de 251 alumnos e alumnas de 1º de Educación Primaria do Porriño e tamén de Mos. En concreto, son nove aulas de colexios do Porriño e cinco aulas de Mos, con catro sesións de traballo en cada unha. Nas mesmas traballarase para potenciar a súa autoestima, a súa capacidade de decisión e autonomía persoal así como o autocoñecemento e a asertividade como medios para fomentar a resistencia á presión de grupo. Coñecerán tamén os efectos e os riscos que derivan do uso das drogas para corrixir os mitos que se manteñen en relación ao consumo e traballarase para favorecer os eu sentido crítico fronte á propaganda que potencia o consumo de substancias legais con argumentos de anticonvencionalismos e busca de sensacións.

Este programa está financiado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a través da subvención para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas promovidos en concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.