Xunta de Galicia impulsa reformas no CEIP Manuel Sieiro de Crecente

O Conselleiro de Educación visitou as súas instalacións

Crecente | O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, desprazouse esta mañá ao concello de Crecente para comprobar o remate de varias obras de mellora levadas a cabo pola Xunta de Galicia no Colexio CEIP Manuel Sieiro cun investimento que acada os 140.000 euros neste ano.

Entre as actuacións rematadas cómpre lembrar a renovación da fontanaría e os sanitarios do centro grazas a un orzamento de 61.000 euros e a cubrición do patio de Infantil por un montante de 48.000 euros.

No caso desta obra, colocouse unha estrutura metálica sobre a que se apoia unha cuberta de 124 metros cadrados formada por papeis de policarbonato. Así mesmo, iluminouse o interior do patio con catro novos puntos de luz con pantallas led, e mellorouse o pavimento do chan coa dotación dun solo de caucho.

Así mesmo, tamén se reparou o salón de actos por un importe de case 21.000 euros e acometeuse a mellora da fachada traseira do edificio, ao que se veñen de destinar preto de 10.000 euros. Nesta última actuación, procedeuse á substitución dos linteis da fachada traseira do centro que se atopaban en mal estado, a colocación dunha vigueta autorresistente, o pintado da zona de obras e o selado das ventás.

Todas as obras inciden directamente “nunha mellora do confort” tanto para os alumnos como para o profesorado do centro, explicou Román Rodríguez, que aproveitou para gabar o “enorme dinamismo” deste centro que puxo como “exemplo da alta calidade do ensino no rural”, sobre todo no eido da biblioteca escolar ou do plurilingüismo.

Non en balde, o Colexio Manuel Sieiro participa activamente na meirande parte dos proxectos educativos propostos pola Consellería de Educación como son os Contratos-Programa (tanto na liña de innovación como na de inclusión), Educación Responsable ou outros vinculados á súa biblioteca escolar como os de Radio na Biblio, Lectura e familias ou Biblioteca Creativa, entre outros.