Xunta de Galicia e Concello de Ponteareas asinan o convenio para o novo centro de saúde

O BNG criticou que con este convenio "o PP apura un pelotazo"

Ponteareas | O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Ponteareas, María Nava Castro Domínguez, acompañados polo delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, asinaron un convenio de colaboración que permitirá a construción dun novo centro de saúde no Concello de Ponteareas.

A construción deste novo centro de saúde estaba prevista como prioritaria no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia aprobado polo Consello da Xunta en outubro do ano 2021, dada a antigüidade de máis de 35 anos do actual edificio e a súa carencia de posibilidade de acoller novos espazos.

Culmínase así o trámite de colaboración, logo de que en setembro de 2023 fose asinado un protocolo de colaboración co Concello de Ponteareas, co obxecto de darlle a seguridade xurídica suficiente para poder levar a cabo a adquisición das parcelas necesarias para a construción do novo centro de saúde, o que xa fixo a través da compra de dúas parcelas situadas enfronte do CEIP número 3.

Agora dáse un paso máis e, a través da sinatura deste convenio, a Xunta asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, mentres que o concello realizará todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela que contará con aproximadamente mais de 5.000 m2, ademais de asumir a exención do IBI e a recoller a bonificación do 95% para obras de especial interese municipal e dar á obra do novo centro dita consideración.

O plan funcional que a Xunta se compromete a desenvolver para o novo centro de saúde a través deste convenio contempla un inmoble de máis de 5.000 m2, o que supón un incremento de superficie de case o 80% respecto dos 2.830 m2 do actual centro, o que permitirá, por exemplo, integrar no novo edificio a base do 061.

“Este convenio contempla un inmoble de máis de 5.000 m2, o que supón un incremento de superficie de case o 80% respecto dos 2.830 m2 do actual centro”

Ademais, este novo centro contará cos espazos necesarios para poder desenvolver a carteira de servizos como a unidade de saúde mental, que comezou a funcionar esta lexislatura nunha localización provisional, tras unha pequena reforma do actual centro de saúde. Unha vez que o novo centro de saúde estea rematado, esta nova unidade de saúde mental disporá do seu espazo propio e definido.

O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con 9 consultas de medicina de familia, 11 de enfermería, 2 de docencia, consulta de farmacia, área de saúde bucodental con 2 consultas, despacho de traballador social, área de fisioterapia con consulta e ximnasio, sala de toma de mostras, 4 salas polivalentes, 1 de paciente infeccioso, zona de radiodiagnóstico, 2 consultas de matrona e sala de educación sanitaria, 2 consultas de pediatría, 2 de enfermería pediátrica e 2 salas polivalentes, así como 2 despachos de coordinación.

No punto de atención continuada (PAC), contará con 1 sala de reanimación e 2 de observación, 3 consultas de medicina e 3 de enfermería e a base do 061.

A área de psiquiatría disporá de 5 consultas, despacho de traballador social e sala de actividades grupais. Tamén se integraran outras áreas como información e laboratorio, e a área de especialistas disporá de 4 consultas.

BNG: “o PP apura o ‘pelotazo”
O BNG reaccionou este martes á sinatura do convenio entre o Concello de Ponteareas e a Xunta de Galiza para a construción do novo centro de saúde.

“O PP segue burlándose das e dos ponteareáns. Utilizan o novo centro de saúde como propaganda electoral e como distracción para ocultar a súa política de desmantelamento da sanidade pública. O que precisa Ponteareas urxentemente son médicas e médicos, pero o PP prefire seguir mantendo en condicións precarias o centro de saúde actual mentres apura para beneficiar coa localización dos novos terreos a unha concelleira do seu partido que figura na candidatura ás eleccións galegas”, sinalou o BNG.

“O que precisa Ponteareas urxentemente son médicas e médicos”

O Bloque lembra que “o novo centro de saúde construirase nun espazo con vínculos familiares coa concelleira do PP Raquel Plana, despois de que o Concello comprara uns terreos situados na contorna dunha clínica privada coa que ela garda relación directa.

Poñen este trato de favor por diante das análises realizadas polo propio equipo técnico da Xunta que valorou como máis idónea unha parcela na N-120 que saía gratuíta ao Concello. A desvergoña do PP non ten límites”, sentencia o BNG.

A formación nacionalista achacou as présas do PP aos “nervios ante a posibilidade real de cambio no goberno da Xunta a partir do 18 de febreiro”. “Queren deixar todo ben atado porque saben que o próximo goberno galego depende dun puñado de votos e que se a sociedade galega que quere cambio concentra o seu voto no BNG, Ana Pontón será presidenta e rematará coas corruptelas e os pelotazos do Partido Popular”, afirma o BNG.