Xunta de Galicia e as Deputacións acordan negociar un protocolo contraincendios

Mantendo a condición de persoal indefinido fixo que tiñan no momento da subrogación

Pontevedra | A Xunta de Galicia apoia as Deputacións provinciais para continuar as negociacións co persoal do servizo contraincendios e salvamento a través dun protocolo de colaboración asinado hoxe polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, os presidentes das deputacións de Ourense, Luis Menor, e de Pontevedra, Luis López, e os deputados José Ramón Rioboo e Pilar García en representación das da Coruña e Lugo, respectivamente.

As forzas sindicais representativas dos traballadores dos parques de bombeiros comarcais, que mantiveron reunións con representantes das administracións o 22 de xuño e o 13 de xullo pasados, rexeitaron sumarse ao acordo, pese a que este recolle as súas demandas, así como o compromiso das centrais a restablecer a normalidade no servizo. A pesar disto, o Goberno galego e as Deputacións manteñen o ofrecemento para avanzar na negociación.

O acordo fixa a vontade de traballar de xeito conxunto para aplicar a sentenza do 28 de xaneiro de 2022 ao persoal subrogado dos consorcios provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra de prestación do Servizo contra incendios e salvamento, mantendo a condición de persoal indefinido fixo que tiñan no momento da subrogación co gallo do modelo de xestión.

Con este obxectivo, como primeiro paso prevese a sinatura dun convenio colectivo en cada un dos consorcios no que se recollan as mellores condicións dos convenios que tiñan os traballadores coas empresas prestadoras do servizo. Búscase así que a fixeza do persoal se realice cun procedemento coas garantías legais necesarias, tal e como xa acordara a Xunta coas deputacións provinciais e consonte aos criterios da sentenza. O texto asinado recolle que ese convenio se formalizará á maior brevidade posible e que terá unha vixencia dun ano.

A partir desta sinatura, as partes implicadas comprométense a iniciar o vindeiro setembro a negociación de novos convenios colectivos para homoxeneizar as condicións laborais do persoal dos catro consorcios e que entrarían en vigor en outubro de 2024. En paralelo, principiarase a tramitación das respectivas Relacións de Postos de Traballo (RPTs).

Cómpre lembrar que a prestación do servizo contra incendios é competencia municipal e conta co apoio económico da Xunta, que achega máis do 50% do custo do servizo no conxunto de Galicia. En 2018 formulouse a posibilidade do cambio de modelo de xestión para pasar de indirecta a directa nos 24 parques de bombeiros dos consorcios provinciais, unha decisión que foi apoiada polo Goberno galego coa condición de que non suporía un aumento do custo nin maiores achegas económicas da administración autonómica.

Deste xeito, unha vez culminados os trámites neste ano no de Ourense, os consorcios funcionarán en todas as provincias con xestión directa, o que implica a subrogación dos efectivos das empresas que prestaban o servizo. O cambio de modelo require a subrogación en réxime de indefinido non fixo, para posteriormente a través dun proceso selectivo converter o persoal en indefinido do consorcio.

“En Ruta coa Depo” chegará en agosto a 10 Concellos pontevedreses
A Deputación de Pontevedra organiza 10 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos Concellos de Arbo, A Estrada, Gondomar, Marín, Mondariz, Mos, As Neves, Salceda de Caselas, Tomiño e Vigo mobilizarán un total de 540 persoas (54 cada unha) para coñecer emblemas da provincia como a Illa de Ons, Portonovo, as Illas Cíes, o barrio mariñeiro do Berbés, a Illa de San Simón ou a Ruta das Maceiras da Estrada.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación ofrece 33 rutas temáticas nas que este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial.

Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar a iniciativa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús, unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e mais un xantar.