Xunta de Galicia destina 300.000€ para o plan do Novo Parque Empresarial de Arrufana en Mos

Permitirá ampliar o solo industrial en preto de 500.000 metros

Mos | A Xunta de Galicia redactará os plans estruturantes de ordenación de solo empresarial (PEOSE) para a ampliación do solo empresarial en Mos desenvolvendo o novo parque empresarial de Arrufana en Louredo.

Así o autorizou onte o Consello de Administración da empresa pública Xestur, que autorizou licitar o contrato para a redacción do PEOSE do novo parque empresarial de Mos, que se emprazará en Louredo e terá unha superficie prevista de preto de 480.000 metros cadrados. A redacción do referido plan licítase por importe de 290.309,04 euros IVE incluído.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, incidiu na importancia que terá este desenvolvemento para poder responder á demanda de superficie industrial existente no concello. “Porque hai demanda e porque tan só restan escasas parcelas por vender no polígono existente, o de Veigadaña”, explicou a rexedora local mosense, que salientou que Mos é unhas das “áreas estratéxicas” sendo “o 4º municipio industrial da provincia”.

Por último Arévalo celebrou a confirmación de que “coa licitación do contrato para a elaboración do plan estruturante para o novo polígono de Arrufana por parte da Xunta de Galicia, Mos seguirá crecendo empresarialmente, en emprego e en economía”, e crecendo como “territorio de oportunidades”.