Xunta de Galicia destina 152.000€ para a humanización da Praza da Ermida en Covelo

Ao abeiro do Plan Hurbe

Santiago de Compostela | A Xunta de Galicia e o Concello de Covelo destinan máis de 152.000 euros á humanización da contorna da praza da Ermida, segundo o convenio de colaboración asinado hoxe pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Pablo Castillo.

Esta actuación ten como obxectivo mellorar a accesibilidade e humanizar a praza e o camiño da Ermida, na parroquia de Santiago de Covelo, e consistirá no redeseño da rede viaria, así como na instalación dunha varanda para separar a praza da estrada.

A maiores, tamén se levarán a cabo actuacións mínimas na topografía para mellorar os accesos rodados, suavizar pendentes peonís e procurar percorridos adaptados.

Tamén se renovará a pavimentación da praza e do camiño ao Pazo da Cruz, instalarase novo mobiliario -banco, papeleira, fonte e xardineiras-, drenarase a auga de choiva e corrixiranse impactos paisaxísticos.

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, que, como lembrou Ángeles Vázquez, é un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.

Nesa liña, cómpre subliñar que, grazas aos acordos de cooperación asinados no marco do Plan hurbe, desde o ano 2010 se mobilizaron ao redor de 165 millóns de euros para financiar máis de 415 intervencións urbanísticas. De feito, o concello de Covelo xa levou a cabo a mellora do parque público da Maceira ao abeiro desta liña de financiamento.