Xulio Ferreiro participou na Comisión Executiva do Eixo Atlántico

NEA-Alcalde de A Coruña

A Coruña |­ O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou na reunión da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, órgano de dirección do que é vogal. A xuntanza tivo lugar en Porto e nela, entre outras cuestións, aprobáronse numerosos informes para a súa remisión á Asemblea Xeral, entre eles o balance de xestión e o informe económico do exercicio 2015, ademais do programa e os orzamentos para o ano en curso. Así, o máximo órgano de dirección da entidade, que aglutina concellos de Galicia e Norte de Portugal, acordou, en materia de desenvolvemento sustentable “realizar os traballos solicitados polos municipios que presentaron candidatura na convocatoria anual”, aberta a finais do ano pasado. Entre os traballos nos que o Eixo Atlántico acordou colaborar atópanse dous proxectos do Concello da Coruña que teñen que ver co compromiso ambiental e a sostibilidade, así como outros presentados polos concellos de Compostela, Monforte, Ourense, Vilagarcía, Chaves ou Vila Real, Maia en Macedo de Cavaleiros, así como pola Deputación de Lugo.

En concreto, a Comisión Executiva do Eixo Atlántico deu luz verde a dous proxectos do Concello da Coruña que o pasado xaneiro foron seleccionados pola Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo para recibir o apoio do ente. Estes teñen que ver coa Estratexia contra o Cambio Climático e co Plan de Acción de Festas Sostibles. Desta forma, o organismo comprométese a prestar apoio no seguimento, implantación e busca de financiamento para os citados programas.

O Concello, que realizou unha diagnose sobre a sostibilidade dos eventos incluídos nas festas de María Pita 2015, ten a intención de continuar avanzando na liña dunha sustentabilidade aínda maior nos festexos deste ano. O segundo proxecto ten que ver coa estratexia contra o cambio climático.

Xulio Ferreiro, vogal da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, reuniuse, ademais de co seu secretario xeral, Xosé Vázquez Mao, cos responsables municipais de Lugo, Lara Méndez; Monforte de Lemos, José Tomé; O Carballiño, Francisco José Fumega; Porto, Rui Moreira; Matosinhos, Guilherme Pinto e Braga, Ricardo Rio.