Xornada informativa no Covelo da Asociación Española Contra o Cancro

Procura tamén a captación de voluntariado

O Covelo | Contribuír a mellorar o día a día das persoas enfermas de cancro e avanzar na investigación para a cura desta enfermidade foron as principais cuestións que o Concello de Covelo tratou onte coa Asociación Española contra o Cancro (AECC) nunha reunión mantida na Casa do Concello.

O alcalde, Pablo Castillo, e a concelleira de Formación, Lourdes Enes mantiveron un encontro co coordinador da AECC na provincia de Pontevedra, Telmo Crespo, no que foron informados dos distintos servizos que a AECC ofrece na provincia a pacientes con cancro e aos seus familiares.

Concello e AECC acordaron organizar unha xornada informativa para divulgar entre a poboación estes servizos e procurar voluntariado que poida difundir a información. Alcalde e concelleira consideran fundamental coñecer todos os recursos dispoñibles para a mellora e apoio tanto das persoas enfermas como da súa contorna familiar.

Formación para 15 conductores en transportes de mercadorías perigosas
A concelleira de Emprego e Formación do Concello de Covelo, Lourdes Enes, informa que ata o vindeiro día 20 de outubro estará aberto o prazo de inscrición no curso ADR básico e cisternas. Un novo curso do VII Plan de Formación de Covelo que, ao longo de todo o ano, ofrece formación subvencionada a veciñas e veciños. Co obxectivo de promover a inserción laboral, o Concello ofrece quince prazas para obter o permiso de condución de transportes con mercadorías perigosas.

Totalmente financiado polo Concello, as persoas participantes só terán que aboar o estipulado na ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación de actividades formativas, é dicir, unha contía de 12€ para empadroadas/os e de 36€ para as persoas non empadroadas. O Concello de Covelo asumirá os gastos incluídas as taxas de examen, tendo cada participante dereito a dúas convocatorias de exame.

Este curso desenvolverase nas instalacións de APETAMCOR no polígono industrial de A Granxa no concello de O Porriño. As clases impartiranse os días 27, 28 e 29 de outubro e o 3, 4 e 5 de setembro. Cunha duración de 34 horas será impartido en horario de tarde o venres de 17 a 22 horas e os sábados e domingos de 07:30 a 14:30.

As persoas que desexen optar a este curso deberán ter en vigor o permiso de condución B e o DNI, ademais de cumprir os reflexados nas bases. “Logo de realizar unha consulta coa cidadanía, ter en conta as observacións de orientación laboral e das academias de formación e investigar a demanda do mercado laboral, ofrecemos estes cursos cos que pretendemos mellorar non só o curriculum das persoas sen saír da súa contorna, tamén contribuír a que poidan atopar un traballo”, explica Lourdes Enes que engade que son cursos que capacitan ás persoas con coñecementos e destrezas requeridas polas empresas.

Lourdes Enes adianta que nos seis anos anteriores o Plan de Formación do Concello de Covelo contribuíu a mellorar o curriculum de arredor de 500 persoas incrementándose, ano tras ano, o interese e a participación.