• Segue conectado
  • |

Xoan Báscuas: "Compromiso será o gran partido nacional galego"

O líder de CxC amosase convencido de que esta formación dará a sorpresa o 21-O xa que neses comicios gañarán “os partidos da casa”.

Por Xurxo Salgado/Compostela | Xoán Bascuas é un home pequeno pero de forte convicción. É breve nas repostas. Prefire a reflexión á lingua fácil. É a primeira campaña que fai como líder dunha formación nacionalista de novo cuño. “CxG é a cuarta forza a nivel institucional de Galicia”, lembra ao referirse ao poder municipal dunha formación que augura será o “gran partido nacional galego” ao xeito do Scotish National Party.
Polo momento, xa conta con dous alcaldes e dúcias de concelleiros. Por iso, está convencido de que Compromiso estará no Pazo do Horreo e que será decisivo para facer unha nova política para os cidadáns. A ruptura co BNG, di, xa é cousa do pasado.
É a tua primeira campaña como candidato, como a estás levando?
A verdade é que ben. Estou moi ilusionado, moi entusiasmado e con moito ánimo. Estamos facendo unha campaña novidosa que á xente lle está a gustar e que nos está permitindo darnos a coñecer que é o importante.
E este darse a coñecer parece que funciona. Algunhas enquisas din que entrades no Parlamento. Estes datos coinciden cos que manexa Compromiso?
As enquisas débennos ocupar pero non preocupar porque ao fin e ao cabo sería soberbio facer elucubracións dun resultado que se vai coñecer o 21 de outubro. O que temos que facer é traballar e punto, e non deixarse levar por enquisas, aínda que lle prestemos atención porque marcan tendencias.
A tendencia que marcan é que hai boas perspectivas en Ourense. Esta provincia é clave para vós nestes comicios?
Claves serán as catro porque as dificultades que temos nunhas pola lei electoral non as temos noutras. Pero, con todo, as eleccións son moi abertas e pode pasar absolutamente de todo e hai un escenario aberto para que forzas como a nosa teñan resultados bos.
Relacións co BNG

Pero foi en Ourense onde houbo en periodo preelectoral unha baixa moi significativa para o BNG e unha alta importante para CxG como é a do alcalde de Vilar de Santos o que provocou tensións co Bloque. Como están as relacións co BNG?
A nós o que nos preocupa é a relación coa cidadanía. A relación con outras forzas políticas pois deben de ser corteses e normalizadas e, por iso, aspiramos a que a relación co BNG sexa o máis correcta posible.
Pero, que tal son agora?
Nós non temos ningún problema co BNG, nin entendo que o BNG teña ningún problema con nós.
Con todo, algunhas declacións dos seus líderes semella que indican o contrario. Falan dunha estratexia medida pola vosa parte para ter repercusión pública.
Eu respecto esa opinión pero nada diso é certo. Igual que hai outros concelleiros que se foron incorporando a CxG e non tiveron o mesmo impacto e incidencia. Ben é certo que estamos falando do alcalde máis votado do país e, claro, iso ten a súa trascendencia. Pero é normal que iso trascenda pero non hai ningún ánimo de facer dano, senón que é un proceso que caracteriza a CxG que é o de saber sumar.
Sen embargo, este proceso de suma do que falas ven doutro de resta que tivo lugar na última Asemblea Nacional do BNG da que saíron, precisamente, Máis Galiza, agora en CxG, e Encontro Irmandiño, agora en Alternativa Galega de Esquerdas. Como pode interpretar o votante que agora haxa tres formacións onde antes só había unha?.
A xente non nos pregunta de onde vimos, senon cara a onde imos e as respostas e as alternativas que temos. CxG está participado por doce grupos e só un procede do BNG e hai xente que ten distintas procedencias e, agora, a gran maioría de xente que participa en Compromiso procede doutras forzas políticas e polo tanto non ten sentido removendo en cousas que non teñen ningunha importancia para a cidadanía.
E logo hai quen fala do voto útil do nacionalismo. Antes non había trasvase de votos e precisamente a aparición de novos partidos dá lugar a que haxa máis apertura de opcións políticas e onde o voto pode ser máis útil aínda.
“O partido nacional galego”
Falas desas novas opcións como a que representa Alternativa. Hai quen di que queredes construír un partido de centro dereita semellante ao PNV en Euskadi ou CiU en Catalunya?
Pero onde está que Compromiso sexa un partido de centro-dereita?
Un dos seus candidatos procede do Partido Popular…
Pero como dis é un só e está integrado nunha corrente de xente que saíu do BNG antes de que o fixera Máis Galiza e que eran do BNG… O que se trata de dicir con esa comparación é que Compromiso pode representar en Galicia o que xa representan en Euskadi e Catalunya, PNV e CiU, respectivamente, é dicir, un gran partido nacional galego. Xa postos a comparar podía compararse co Scotish National Party que é un partido de centro-esquerda.
Xa vimos que unha das primeiras medidas postas en marcha por CxG é a sinatura dun compromiso de rexeneración democrática. Cales son os obxectivos que buscades nestes comicios?
Efectivamente. Firmamos un documento de esixencia ética e radicalidade democrática porque entendemos que a política é un servizo público á cidadanía. Precisamente, Compromiso foi o único dos partidos cuxos candidatos saíron das bases. Non é patrimonio da súa dirección.
Como segunda idea clave está a defensa do estado do benestar e dos servizos socias e, finalmente, o avance no autogoberno de Galicia xa que estamos a ver como isto sempre foi un xogo para Feijóo.
Ousexa que se teñen posibilidades de decidir un goberno de esquerdas se non hai maioría absoluta do PPdeG van poñer estas esixencias enriba da mesa?.
Por suposto.
Entón, entraría a formar parte dese novo goberno?
Nós o que queremos agora é traballar firmemente para acadar os mellores resultados electorais posibles. Non estamos aquí co obxectivo de botar a ninguén senón ao servizo da cidadanía. Outros xa din que están para “facerlle fronte ao PP” ou “que hai que botalos”. Nós non. Nós queremos ser a voz da cidadanía para cambiar as politicas actuais, non os gobernos.
Pero pactarían ou non pactarían?
Penso que xa o deixei claro na anterior resposta.
Preguntollo doutro xeito. Pactarían logo co PPdeG?
Non.
O futuro do nacionalismo
Unha das fendas abertas logo da asemblea do BNG foi, tamén, a desunión do nacionalismo. Finalmente, CxG foi só e Anova pactou con EU. Hai posibilidade dun futuro entendemento entre estas dúas formacións?
O pasado, pasado está e a cidadanía xa non lle importa. O diálogo sempre está aí. Eu nunca pechei as portas a ninguén e non llas vou a pechar agora.
E cal é o futuro de CxG se non acada representación parlamentaria?
Compromiso está traballo para ter presencia na Cámara galega. Xa ten presencia na rúa que está sendo decisiva. Se queremos ser ese gran proxecto político nacional temos que tomalo con tempo e non se vai solucionar nunhas autonómicas.
Supoño que o voso forte son as municipais xa que tedes unha gran presencia institucional?
Obxectivamente somos a cuarta forza en número de concelleiros e alcaldes. Con nós están o alcalde de Maceda, o de Vilar de Santos e falta a que se decida o de Narón. E logo temos moitos concelleiros repartidos por todo o País. Nalgúns concellos ata somos a segunda forza xa.
E que opinas dos debates a tres que exclúen ao resto das formacións?
É unha pena o que está a acontecer e que iso, ademais, o fagan os medios públicos deste país que pagamos todos do noso peto. O que está claro é que eses medios teñen que reflexar a pluralidade existenten neste País e, polo de agora, non están facendo. Un debate no que participemos todos sería o máis democrático e o que pedirían os cidadáns para estar representados.
E xa para rematar. Dime a túa quiniela?
Un 1. Van gañar os equipos da casa.

Publicado o 10 Out 2012 en Entrevistas.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses desde a súa publicación. É posible que o contido non estea actualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies