XIV edición da Festa da Palabra na Insua dos Poetas

Estará adicada ao colectivo Brais Pinto o 16 de xullo no Carballiño

O Carballiño | O próximo 16 de xullo na Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño) a partir das 11,30 horas celebrarase a XIV edición da Festa da Palabra organizada, como cada ano, pola Fundación Insua dos Poetas e a Deputación de Ourense co apoio da Consellería de Cultura. A edición deste ano estará adicada ao colectivo cultural Brais Pinto.

O poeta e escritor Luis González Tosar, presidente da Fundación, destaca a traxectoria desta Festa, “instaurada fai catorce anos pola Fundación Insua dos Poetas e a Deputación de Ourense para celebrar a nosa literatura nun homenaxe caracterizado pola orixinalidade e a perdurabilidade”. Tosar remarca que a homenaxe central da xornada busca “perdurar”, apoiada nunha “referencia física en forma de obra de arte”. Nesta edición, o recordo ao colectivo Brais Pinto virá acompañado por unha escultura que está preparando o ourensán Ramón Conde.

O grupo Brais Pinto está considerado como un dos grandes defensores da cultura galega durante a ditadura franquista, a través de proxectos artísticos que desembocaron nun interesante espazo propio de reflexión e de activismo cultural a prol da evolución da identidade cultural galega.

Grupo Brais Pinto
Brais Pinto creouse en 1958 arredor de nove galegos residentes en Madrid, todos eles estudantes universitarios ou traballadores preocupados pola situación de Galicia. Entre eles estaban nomes referencias da cultura galega do século XX como os ourensáns Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938); Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey” (Ourense, 1896 – Madrid, 1988); Bautista Álvarez (San Amaro, 1933 – Beariz, 2017) e Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931 – A Coruña, 2015). Ademais, completaban o grupo Bernardino Graña (Cangas, 1932); Ramón Lorenzo (Ames, 1935); Reimundo Patiño (A Coruña, 1936- A Coruña, 1985); Xosé Alexandre Cribeiro (Pontevedra, 1936 – Pontevedra, 1995); Herminio Barreiro (Sanxenxo, 1937- Santiago, 2010) e César Arias (Ribas de Sil, 1932 – Madrid, 2021).

“Todos tiñan unha preocupación común, a defensa da lingua e cultura galega”, remarca Luis González Tosar, que sitúa como clave a figura de Ben-Cho-Shey: “O colectivo mantivo a conexión coas xeracións anteriores, co galeguismo do primeiro terzo do século XX, a través de Ben-Cho-Shey. El foi o enlace dos mozos coa Xeración Nós, con Otero Pedrayo, con Risco, con Cuevillas. O seu papel foi fundamental para orientar ó grupo, promovelos e agarimalos, nun contexto tan agresivo para a cultura galega”.

González Tosar reivindica o fondo peso dos integrantes de Brais Pinto na evolución da cultura galega contemporánea: “Méndez Ferrín ou Bernardino Graña na literatura, Reimundo Patiño nas artes plásticas, Ramón Lorenzo na filoloxía, Cribeiro no audiovisual, Herminio Barreiro na pedagoxía… todos eles son individualidades moi potentes, que destacaron e que estiveron unidos traballando pola cultura galega”.

O presidente da Fundación Insua dos Poetas avanza que coa homenaxe colectiva a todo este grupo de intelectuais apostan “por reivindicar a un grupo de mozos que, en plena Ditadura, foron quen de unirse para promover edicións -por exemplo, do primeiro libro de poemas de Otero Pedrayo, “Bocarribeira”- e outras actividades importantes de resistencia naquel tempo tan represivo”.

Premios
Unha xornada de confraternización arredor da cultura galega e que xa ten premiado a figuras como Carlos Casares, Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Pura e Dora Vázquez. A Festa da Palabra xa ten homenaxeado en edicións anteriores a figuras como Carlos Casares, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez ou Xela Arias. Na pasada edición, recordáronse os seis poemas galegos de Federico García Lorca, cunha peza escultórica de Soledad Penalta.

Esta festa está concibida pola organización coma unha xornada de encontro de escritores, editores, libreiros e ilustradores…de todos os colectivos do mundo do libro e da literatura, e tamén das artes plásticas e outros ámbitos da cultura. “Buscamos que a xente que está facendo cultura en Galicia se coñeza e participe”, sintetiza Tosar, “arredor dunha gran festa de exaltación da nosa identidade cultural”.

O vindeiro 16 de xullo en Madarnás, ademais da homenaxe ao colectivo Brais Pinto, diversas actividades paralelas e un xantar de confraternización, entregaranse os premios da Insua dos Poetas -en sete ámbitos como o literario, a promoción da cultura galega na emigración, xornalismo cultural ou acción social-, acompañados por cadansúa peza orixinal de Acisclo Manzano. Nas fotos, Luis González Tosar e imaxe da celebración da Festa da Palabra do ano 2021.