Volven as visitas guiadas ás Camelias do Xardín do Castelo de Soutomaior

Do 1 de febreiro ata o 31 de marzo

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra volve pór en marcha un ano máis, coincidindo coa etapa de floración da camelia, as súas visitas guiadas e as caracterizadas polo xardín de excelencia internacional do Castelo de Soutomaior.

Ofertaranse un total de 42 sesións entre os meses de febreiro e de marzo e as entradas saen hoxe á venda. Pódense adquirir desde a páxina web do Castelo ao prezo de 3 € ou 8 €, segundo a modalidade.

Carmela Silva asegurou que, con esta actividade, a Deputación segue a apostar “por produtos que nos diferencian, que son de enorme calidade e que atraen moitísima xente. De feito, estas visitas sempre esgotan as súas prazas en moi pouco tempo porque teñen unha grande aceptación”.

A presidenta tamén sinalou o “salto cualitativo” que está a ter a Ruta da Camelia do Castelo de Soutomaior, aproveitando a emisión “onte dunha reportaxe sobre ela nunha canle televisiva estatal con centos de milleiros de seguidores e seguidoras” para salientar que “xa temos presenza nos grandes medios audiovisuais do Estado español”.

A primeira actividade de camelias serán as visitas guiadas, que se levan organizando por cuarto ano consecutivo, ofrecidas por persoal especializado. A Deputación organiza 18 sesións todos os martes e xoves ás 16:30 horas, desde o martes 1 de febreiro ata o xoves 31 de marzo. Estas visitas, nas que poden participar un máximo de 20 persoas (a capacidade adaptarase, de ser necesario, en función da evolución da pandemia), teñen un prezo de 3 €.

Ademais, volven as visitas caracterizadas que se suspenderon en 2020 e 2021 por mor da situación sociosanitaria. Serán, de novo, actrices caracterizadas como as personaxes históricas María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel quen realizarán o percorrido a través dos xardíns.

Organizaranse un total de 24 sesións todos os domingos de febreiro e de marzo, agás a primeira quenda, que cadrará no sábado 5 de febreiro, tamén para grupos de ata 20 persoas. Organizaranse 3 sesións por día, ás 11:00 ás 12:30 e ás 16:30 horas. O prezo desta actividade é de 8 €, xa que inclúe, trala visita aos xardíns, a entrada ao Castelo.

Nas visitas guiadas e caracterizadas ao Castelo de Soutomaior poderanse coñecer todas as variedades de camelia plantadas no xardín de excelencia internacional, onde o público coñecerá a súa orixe, os coidados necesarios e outras curiosidades arredor da flor das Rías Baixas.  Ademais, unha parada obrigada será no Xardín de Camelias con nome de muller, que a Deputación puxo en marcha en 2022 para render homenaxe a mulleres ilustres da historia universal como son María Vinyals, Rosalía de Castro, a Bella Otero, Jane Andresen, Sofía Novoa, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega e Jimena Fernández de la Vega.