Volven as restricións á Raia

Incertezas ante a "sexta onda" con nova variante COVID
Paso fronteirizo entre Tui e Valença do Minho.

Vigo | Este 1º de decembro entraron en vigor as restritivas normas sanitarias na fronteira emitidas dende Lisboa ante “sexta onda” de índices de contaxios provocados pola aparición da nova variante Ómicron da COVID-19. Esta decisión gobernamental portuguesa provocou situacións de confusión e incertezas dentro da cidadanía na fronteira conxunta, popularmente coñecida como “a Raia”.

Entre as novas medidas aprobadas polo goberno portugués destaca a esixencia dunha proba negativa de COVID (PCR ou antíxenos) realizada como máximo 48 horas antes para as persoas que pasen pola vía terrestre da Raia pero tamén para as que cheguen en avión ou barco, independentemente se teñen a dobre vacinación anti-COVID. Caso contrario de non realizar estas probas, as persoas arríscanse a multas de ata 800 euros. Tamén avisaron da realización de controis aleatorios por parte das forzas de seguridade portuguesas.

Ante estas restricións, volve a preocupación para o comercio e a hostalería coas festas de Nadal á volta da esquina. Un caso significativo foi a tradicional feira que se realiza en Valença de Minho precisamente cada mércores, coincidindo desta vez coa aplicación das novas medidas sanitarias portuguesas.

Os comerciantes desta feira sinalaron que “os galegos deixaron de vir por medo”, dando tamén a entender tamén esa situación de confusión sobre como se aplicarán estas medidas e se as mesmas retrotraen aos tempos do “estado de alarma” de marzo de 2020.

Tamén causa preocupación a situación dos 10.000 traballadores transfronteirizos galegos e portugueses que diariamente cruzan á Raia nun radio territorial de máis de 30 quilómetros.

Neste sentido, a AECT Río Miño/Rio Minho, entidade de cooperación transfronteiriza, amosou a súa “preocupación, confusión e consternación” por estas medidas están a xerar nos habitantes do Norte de Portugal e de Galicia, xa que “contribúen a desestabilizar e comprimir a dinámica social e funcional” nestes territorios da fronteira.

A AECT reclamou así ao goberno portugués unha aclaratoria da nova normativa sanitaria toda vez no decreto aprobado polo Consello de Ministros e publicado no Diario da República de Portugal, indica que a norma se aplicará “na fronteira terrestre coas necesarias adaptacións”. A AECT pediu unha “excepcionalidade” para os traballadores transfronteirizos, pregando igualmente a Lisboa que se sensibilice polo impacto socioeconómico e cultural destas medidas.

En Lisboa, a directora xeral de Saúde, Graças Freitas, declarou que os casos de infección de COVID en Portugal “poden duplicarse ata o Nadal” incluso achegándose a “8.000 casos diarios”. Outro dato que incrementa a preocupación na Raia.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.