Volve Porrigalia ao Porriño

VI edición dos Xogos Olímpicos entre galos, castrexos, exipcios, romanos e gregos

O Porriño | O Porriño volve transformarse en sede dos xogos olímpicos que reúnen ás principais civilizacións. Galos, castrexos, exipcios, romanos e gregos loitarán esta fin de semana impoñerse nos VI XOGOS OLÍMPICOS DO PORRIÑO. PORRIGALIA 22.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Cultura e Comercio, Bienvenido Estévez e Antía Carrera, respectivamente, o presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño AHOSPOR, José Manuel Fernández e representantes de ANPAS, asociacións e clubs participantes na organización, presentaron esta mañá a programación do que sen dúbida é o evento do verán.

Porque Porrigalia vai moito máis alá duns xogos olímpicos, aunando o deporte con música, actividades infantís, gastronomía e espectáculos para todos os públicos.

“Se había unha actividade que creo merece a pena recuperar é Porrigalia, e así facíamo saber a veciñanza”, afirmou o alcalde, “Porque non só é festa, deporte e convivencia, senón tamén un verdadeiro revulsivo para a hostalería e o comercio local. Son días de divertirse, compartir e dinamizar a vila”. O alcalde quixo agradecer a implicación do tecido asociativo, hostaleiros, clubs deportivos e anpas que se volcaron nesta festa. “Sen eles non sería posible, Porrigalia é unha festa de todos e para todos”, concluíu.

Un agradecemento ao que se sumou o concelleiro de Cultura animando á xente a “divertirse, gozar e vivir a fondo estes días no Porriño”.

Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros quixo poñer en valor a iniciativa e o que supón para hostalería local. “Son 25 os locais que participarán da programación, transformándose para a ocasión”, explicou, “Recuperar Porrigalia para nós é moi importante, é o mellor evento de ocio e neste momento é moi necesario”.

“Xogos olímpicos”
Un dos eixos principais desta festa son os particulares Xogos Olímpicos nos que todo o mundo pode participar. As Olimpiadas do Porriño comezarán o venres 1 de xullo, ás 20 h, co Gran Desfile Olímpico coas ANPAS dos centros educativos do Porriño como protagonistas, acompañadas pola garda pretoriana romana, charangas e asociacións culturais, veciñais e sociais.

Ao rematar o desfile, o alcalde do Porriño recibirá ao Rei Castrexo Breogán (interpretado por Pepo Suevos, e será destronado, entregando por uns días o bastón de mando. De seguido, un dos momentos máis especiais co acendido da chama olímpica (22h).

O sábado 2 de xullo, a xornada comezará cun gran desfile coronado co pregón de Maxi e a partir das 19 h na rúa Domingo Bueno, disputaranse as Olimpiadas Técnicas con probas de loita, carreiras de 100 m, carreiras de 4×100 m, salto de lonxitude, salto de altura e lanzamento de peso.

Xa o domingo 3 de xullo, pecharanse as olimpiadas coas probas olímpicas a partir das 10 h e os xogos populares e exhibicións a partir das 19 h. Para participar é necesario inscribirse en www.porrigalia.org ou no mesmo día de maneira presencial na zona de xogos.

A música non faltará en Porrigalia
As Olimpiadas do Porriño terán tamén a súa banda sonora con varios concertos ao longo dos tres días que dura o evento. O venres actuarán as Girls Gang, King-Kids e Dj Pitty. O sábado Os Corivantes, A Banda da Loba e os DJs Javi Reina, Traffic House e Samu Pexe.

E como vén sendo tradición, o broche final correrá a cargo de Troula e o seu lume, que serán os encargados de devolver o bastón de mando ao Alcalde do Porriño.