Volve a romaría da Picaraña a Ponteareas

Este sábado 30 de abril

Ponteareas | Despois de dous anos de parón pola situación sanitaria, a romaría da Picaraña prepara unha nova edición chea de actividades e diversión para todos os públicos e adaptada á nova realidade.

O Concello organiza en colaboración coa Comunidades de Montes de Ponteareas, a Comunidade de Montes de Arcos e a Asociación Veciña de Canedo dúas xornadas de lecer dunha das celebracións que conta cunha maior participación de veciños e veciñas de todas as idades.

O programa arrancará este sábado 30 de abril ás 17.00 horas cunha xornada de xogos de mesa e rol que dará paso ás 22.00 horas á ruta nocturna ‘Afina os teus sentidos e descubre a Picaraña!’, que sairá dende o merendeiro de Chans. Ás 23.59 h as e os apaixonados da astronomía poderán participar nunha observación do ceo nocturno que terá como punto de encontro a entrada do albergue xuvenil.

Como xa é tradición, as mozas e mozos poderán acampar esa mesma noite de forma totalmente gratuíta no recinto do albergue xuvenil da Picaraña, propiedade municipal. Para poder facelo e pasar a noite anterior á celebración da festa xa alí deberán inscribirse de forma obrigatoria na Biblioteca Municipal e aceptar as normas estipuladas para a acampada.

A xornada do domingo comezará con varias andainas, a partir das 10.30 horas dende as casas culturais de Arcos e de Prado e das 11.00 h dende o parque Luís Pardo de Canedo. Tras as rutas será hora de repoñer forzas co xantar popular, no que haberá polbeiro e postos de gastronomía. Ademais tamén haberá animación musical e xogos tradicionais, populares e deportivas para todas as idades pola tarde a partir das 16.30 horas.

Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a gozar destas dúas xornadas de lecer único nun espazo natural como o da Picaraña.