Vodas de ouro na Asociación “Avoa” de Vigo

A vicepresidenta primeira da Deputación participou no festexo en Coruxo

Vigo | A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, acompañou hoxe a Ana Juliana Moreno e José Costas, María Eulalia Gimarey e Andrés López, Áurea García e José Fernández, Eduarda Alonso e José Antonio Blanco, María de los Ángeles Jalda e Jesús Castiñeira e María del Pilar Fernández e Raimundo Lago na celebración das súas vodas de ouro. Fernández-Tapias, que entregou ás parellas unhas placas conmemorativas, acudiu ao festexo organizado pola Asociación de Xubilados e Pensionistas “Avoa” cunha misa na igrexa de Coruxo, unha actuación musical e unha comida de celebración.

A vicepresidenta provincial agradeceu aos homenaxeades que decidiran “compartir esta marabillosa celebración de amor e de vida con todos nós”. O acto contou​ coa presenza da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

Entrega de premios no Náutico de Vigo
A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, participou no Real Club Náutico de Vigo na entrega dos premios das regatas das clases Vaurien, 420 e Snipe, que se enmarca na Semana do Atlántico Cidade de Vigo organizada pola entidade.

Fernández-Tapias cualificou estas tres fins de semana de competicións, que sumarán ao redor de 600 deportistas, como “un desafío” no que o Náutico está a amosar o seu bo facer, “demostrando que cando se trata de promover grandes citas da vela, esta provincia está moi por riba do nivel esixido”.

A responsable provincial incidiu en que “competicións como as que vivimos nesta Semana do Atlántico reférenciannos a nivel internacional, transcenden o ámbito deportivo e son a mellor promoción para o noso territorio”, para concluir reiterando o firme compromiso da Deputación de Pontevedra co deporte “como unha das grandes apostas para seguir a facer máis provincia”.

Centenario do Seminario de Estudos Galegos
O Museo de Pontevedra está a participar nos actos cos que 18 entidades galegas celebran o centenario do Seminario de Estudos Galegos. A institución provincial preparou para a ocasión un conxunto diverso de acción divulgativas, que se iniciaron en setembro con visitas á comarca de Deza e que se desenvolven no propio museo a partir de mañá, coa celebración dunha xornada de conferencias, que terá continuidade con outras dúas actividades programadas para o mes de novembro.

A xornada deste venres 27 de outubro no Edificio Castelao dedicarase a analizar o papel no Seminario de destacadas figuras vinculadas á cidade e á provincia, xa sexa pola súa orixe ou por vínculos familiares ou afectivos. O vicepresidente segundo da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, a directora do Museo, Ángeles Tilve, e a responsable do Arquivo Documental do Museo e coordinadora dos actos de celebración do centenario, María Jesús Fortes, serán as persoas encargadas de inaugurar a xornada ás 10:00 h e dar paso ás investigadoras e investigadores que impartirán as conferencias.

Na sesión de mañá, a primeira intervención será a de Ramón Villares, cunha conferencia na que analizará a extraordinaria presenza e influencia de Pontevedra na xénese e desenvolvemento do Seminario de Estudos Galegos. O catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, lembrará o esplendor cultural da cidade, con faladoiros, sociedades culturais e forza institucional como a propia Deputación provincial presidida por Daniel de la Sota, que están na base deste protagonismo da cidade, que xunto con Ourense e Compostela formou o que o historiador considera “un triángulo virtuoso da vida e accións do SEG”.

Completarán a sesión matinal as intervencións de Ángeles Tilve sobre a figura de Castelao e de Carlos Valle sobre Filgueira Valverde, ambos implicados tanto no Seminario de Estudos Galegos como na orixe do propio Museo de Pontevedra.

As intervencións da tarde estarán dedicadas a reivindicar cinco figuras quizais menos coñecidas, pero que realizaron un traballo transcendente dentro do complexo labor interdisciplinar que levou a cabo o Seminario de Estudos Galegos. Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, describirá a contribución de Antón Losada Diéguez a fitos do nacionalismo de principios do século pasado.

A responsable do Museo Municipal de Lalín, Cecilia Doporto Regueira, dedicará a súa intervención ao ilustra científico lalinense Ramón María Aller Ulloa e as xeiras do Seminario na comarca de Deza. Luis Costa, catedrático de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo, falará das diversas inquedanzas de Antonio Iglesias Vilarelle, que desenvolveu no Seminario actividades vinculadas á psicotécnica e a diglosia.

O historiador, documentalista e escritor Alfonso Mato achegarase á figura de Sebastián González, a través das tres frontes onde desenvolveu as súas actividades: Universidade (como alumno e profesor), no Seminario e no galeguismo.

Por último, Diana Duo Ramila, doutora en Historia da Arte e membro do equipo de Educación do Museo de Pontevedra, reconstruirá a pouco coñecida traxectoria vital e profesional de Felipe Ramón Cordero Carrete. Tanto a sesión de mañá como a de tarde rematarán con cadanseu coloquio. O acceso á xornada é libre, aínda que as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse previamente escribindo a reservas.museo@depo.gal.

Máis actividades en novembro
As actividades coas que o Museo de Pontevedra conmemora o centenario do SEG arrancaron en setembro, cando se realizaron dúas saídas a castros de Silleda e Lalín e ao mosteiro de Carboeiro, respectivamente.

Nestas excursións lembrábanse as xeiras á comarca de Deza que entre 1928 e 1935 realizaron os membros do Seminario. A divulgación deste proxecto inconcluso, que nunca se concretou no volume sobre Terra de Deza que estaba previsto, completarase en próximas datas coa publicación dun espazo na web no que se mostrará a documentación, a modo de apuntamentos, bosquexos, debuxos e fotografías, que foi recollida nas xeiras e se conserva no Arquivo do Museo.

En novembro o Museo programará dúas novas actividades. O día 9 celebrarase un seminario sobre o ‘Corpus Petroglyphorum Gallaeciae’, de Ramón Sobrino Buhigas.

Nesta obra que en 1935 deu a coñecer internacionalmente a arte rupestre galega, Sobrino ilustrou máis de douscentos conxuntos de petróglifos da provincia de Pontevedra, ademais de escribir unha interesante introdución que partía do seu estudo comparativo dos gravados rupestres galegos cos de Francia e Inglaterra.

O 22 de novembro está prevista a presentación da edición facsimilar de de dous documentos ata agora inéditos e que reúnen un grande interese histórico, literario e artístico: o ‘Romance de unha fatal ocasión’, un poema que os seminaristas dedicaron a Castelao, e o ‘Tibi Bastianus Imperator Peruensis’, outro romance do mesmo ano 1935 dedicado a Sebastián González García-Paz e que acaba de ser doado ao Museo polo fillo deste.