Visita de estudo da GALP das Rías Baixas a Canarias

Para coñecer as iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo
Os grupos galegos puideron coñecer as iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo que se están a desenvolver.

Vigo | “Enriquecedora”, “positiva”, “intensa”, “bonita” son algúns dos adxectivos cos que Berta Barreiro e María Muíños, técnicas da Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas e da Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo, definen a experiencia de viaxar ás Illas Canarias na procura de ideas e proxectos que poder implantar aquí.

Impresión xeneralizada na delegación de representantes do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda, que, tras cinco de días no arquipélago, regresaba da súa visita de estudo xunto ao GALP Ría de Pontevedra e o GALP Ría de Arousa, no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas.

Os grupos galegos puideron coñecer as iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo que se están a desenvolver, así como as características do seu sector pesqueiro e os retos aos que se enfronta.

“Os grupos galegos puideron coñecer as iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo”

Acompañados polos Grupos de Acción Costeira de Gran Canaria e Lanzarote, visitaron diversas confrarías como as de Agaete ou Arrecife e proxectos como o de ecoturismo Ruta do Humedal. Tamén coñeceron enclaves de gran relevancia como o Mirador de Andén Verde ou o Centro de Interpretación de La Graciosa.

Neste espazo de encontro, abordaron os desafíos de poñer en marcha proxectos de pescaturismo e as inquietudes, “compartidas” di Berta Barreiro, do sector de pesca artesanal de ambas comunidades.

A pesar das diferenzas entre os dous territorios en canto ao tamaño da flota, as artes de pesca que empregan, as características das embarcacións ou o feito de que nas Canarias pesquen nos parques nacionais, as ganas por desenvolver un sector máis competitivo distribúense a partes iguais.

Nesta liña, sobre o traballo das confrarías, María Muíños subliñou o carácter pioneiro de moitas das accións que se levan a cabo na nosa comunidade cos fondos dos GALP e destacou, por parte das illas, a gran coordinación que teñen para poder facer realidade os proxectos de pescaturismo.

“Aquí falta que a Xunta, as Capitanías e as confrarías nos poñamos de acordo para ver cales son as liñas estratéxicas a seguir e sexamos capaces de artellar a forma máis sinxelas para poñer este tipo de iniciativas en marcha”, expón. Proxectos que, desde a confraría de Vigo, están a ser demandados polas axencias de turismo vivencial e representan unha moi boa fórmula para a diversificación das actividades do mar.

Respecto sobre as impresións da viaxe, a técnica da confraría de Cangas volve ao Morrazo coa equipaxe chea de ideas en relación á difusión do traballo que realizan entre a rapazada, para que o coñezan e aprecien; á posta en valor dos seus produtos pesqueiros, especialmente daqueles que non se consomen tanto; á organización da lonxa para que sexa máis operativa ou referente ao servizo de electricidade e a súa sostibilidade. Un ruxerruxe que agora toca aterrar para poder darlle forma.

Esta é a terceira visita de estudo que realizan ao abeiro do proxecto Mar das Illas, tralas viaxes ás Illas Baleares e Italia.

Barreiro destacou a oportunidade que supuxo a viaxe para afianzar lazos entre as confrarías do GALP Ría de Vigo-A Guarda, sentando as bases de posibles colaboracións de futuro. Un intercambio que tamén permitiu que promotores de todos os GALP galegos, xunto cos canarios, compartiran as súas experiencias e coñecementos e se nutriran dos novos puntos de vista xurdidos ao redor dese diálogo.

Tal e como conta Muíños: “Poucas veces tes o tempo para comentar proxectos e compartir posturas e visións nun ambiente tan relaxado como este, foi fantástico. Todos viñemos cas pilas cargadas e coas ideas claras para o próximo período de axudas, enfocados sobre o que precisamos e cara onde imos”.

Da man do GALP Ría de Vigo-A Guarda, viaxaron ás Illas Canarias, a xerente do grupo, Elena Herbello, e as confrarías San Xosé de Cangas e San Francisco de Vigo, anteriormente mencionadas, e as de San Cipriano de Aldán-Hío, Pedra da Oliveira de Vilaboa, Virxe do Carme de Arcade, San Xoán de Redondela e Santa Tegra da Guarda.

“Esta é a terceira visita de estudo que realizan ao abeiro do proxecto Mar das Illas, tralas viaxes ás Illas Baleares e Italia”

Esta é a terceira visita de estudo que realizan ao abeiro do proxecto Mar das Illas, tralas viaxes ás Illas Baleares e Italia. Nos vindeiros días, o persoal da asistencia técnica que se desprazou ata o arquipélago elaborará un informe sobre os proxectos visitados, recompilando toda aquela información que lle puidera resultar de interese para os profesionais do mar asociados ao GALP.

O proxecto Mar das Illas
A iniciativa enmárcase na liña de proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos GALP para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, segundo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).

Ao longo das tres fases do proxecto, formáronse máis de 200 profesionais do mar como Guías Acreditados en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo no ámbito do Parque Nacional.

Ademais, puxéronse en marcha seis proxectos piloto de turismo mariñeiro e pescaturismo, elaboráronse distintos manuais de formación, protocolos de actuación e Códigos de Boas Prácticas, e leváronse a cabo diversas xornadas de divulgación como a I Xornada Internacional sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo.