Vendidas todas as localidades para asistir ao festival “Sons da Canteira”

O Porriño | A empresa promotora do I Festival “Sons da Canteira” que patrocina e organiza o Concello do Porriño, informa que xa están esgotadas todas as localidades. En total, 500 cadeiras pois é un aforo restrinxido polos protocolos anti-Covid-19.O prezo da localidade inclue o traslado. Os autobuses sairán dende a Avenida de Galicia.

Sons da Canteira terá lugar o vindeiro sábado 29 de agosto. Tratase dun evento artístico que recolle unha mostra varíada da música contemporánea galega nun entorno natural, unha canteira en restauración en Vilafria (Atios) que semella un anfiteatro de pedra. “Un escenario espectacular que funde a modernidade da proposta musical co protagonismo na historia recente da industria galega que significan as canteiras do Porriño”, segundo definiu a alcaldesa, Eva García na recente presentación celebrada no Concello.

Neste primeiro “Sons da Canteira” haberá catro actuacións. Abrirá o artista multimedia Juanma LoDo. Polo escenario seguirán o grupo “Baiuca”, Mercedes Peón e o dúo Laura Lamontagne e PicoAmperio. Tamén colaborarán no festival catro compoñentes da Asociación “Os Penediños” de Atios.

No que atinxe ao cartaz do Festival, Adrián Fragueiro, de “Doppler Gestión Cultural”, promotor de “Sons da Canteira”, sinalou que “constitue unha radiografía de parte do panorama musical galego con xente moi nova que se vai comer o mundo coma Laura Lamontagne e PicoAmperio; artistas que xa amosaron que o folk galego e a electrónica casan como poucas cousas como é Baiuca e, finalmente, a experiencia e recoñecidísima traxectoria dunha auténtica eminencia da música dende principios deste século coma é Mercedes Peón”.

Fragueiro tamén valorou a participación de Juanma Lodo, “nado a poucos metros da canteira, que nos sorprenderá cun espectáculo especialmente preparado para a ocasión, e que ademais, como membro do equipo de producción, será o responsable das proxeccións e videomapping ao longo das sete horas do festival”, engadiu.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!