Varios cursos de idiomas “non clásicos” centran a oferta formativa de outono da OMIX de Tomiño

Formación en ruso, xaponés e chinés, son algunhas das propostas da axenda de actividades do Concello

Tomiño | O Concello de Tomiño, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta diferentes actividades para os vindeiros meses. Unha vez máis, os idiomas son unha das apostas fortes dirixidas á mocidade do concello, pero tras varias tempadas con cursos de inglés, francés, portugués, italiano, nos últimos anos apostouse por introducir a oferta de idiomas non clásicos, coma o chinés, o ruso e o xaponés, con grande aceptación por parte da cidadanía.

Así, a principios de outubro comezan os novos cursos de idiomas RUSO E XAPONÉS nivel básico, e o de CHINÉS nivel A2.1. As tres actividades formativas teñen aínda aberta a inscrición na páxina web municipal e serán en formato on-line e presencial, dependendo das circunstancias sanitarias.

Lili Wo, profesora nativa de Shangai e profesora na Universidade de Vigo, é a docente que vai impartir o curso de XAPONÉS BÁSICO os días xoves, de 17.00 a 19.00h. Este curso ten como obxectivo adquirir coñecementos básicos comunicativos: compresión auditiva, lectora, expresión verbal e escrita, estando destinado á mocidade sen coñecementos previos da lingua xaponesa e tendo un custe simbólico de 5 euros.

A mesma docente impartirá o curso de Curso online e/ou presencial de chinés nivel A2.1
dirixido á mocidade que xa ten coñecementos básicos comunicativos da lingua chinesa (A1). Neste curso afondarase máis na cultura e melloraranse os coñecementos en caracteres, léxico, gramática, e traballarase especialmente a comprensión auditiva, lectora, a expresión verbal e a escrita. A data prevista de inicio é tamén o día 1 de outubro, días xoves, de 19.00 a 21.00 horas e o prezo, 5 euros.

Pola súa banda, o cursiño online de Ruso nivel básico, será impartido pola profesora nativa Nina Yarovenko, graduada na Universidade Estatal de Moscú e con amplia experiencia. Está destinado a todas as persoas interesadas en coñecer o idioma e a cultura de Rusia. Inicio, 5 de outubro; días luns, de 19.00 a 20.00 horas. Custe, 5 euros.

Curso básico de correo electrónico online
Por outra banda, impartirase un curso básico de correo electrónico co obxectivo de aprender a crear unha conta de correo electrónico en Gmail, redactar mensaxes, facer filtrado e clasificación de correos, xestionar varias contas, coñecer outros programas de xestión de emails e saber utilizalos de xeito efectivo e produtivo.

A data de realización será a finais do mes de setembro, e o horario será escollido polas persoas participantes. xa que se trata dunha plataforma e-learning cun titor que atende de xeito personalizado as consultas do alumnado. Custe do curso: 5€. A inscrición está aínda aberta e pódese realizara comodamente dende a casa neste enlace.

Cambio de enderezo da OMIX
A OMIX de Tomiño e o Departamento de Cultura, mudouse novamente ao Campo da Feira coma acostumaba a estar en anos anteriores.

As consultas poden facerse tamén por whatsapp ao número 604 062 369, ou concertar unha cita para o asesoramento por videochamada. Aténdese presencialmente só CON CITA PREVIA.