UVigo organizará o II Coloquio Internacional “Estar em casa con Adília Lopes: do privado ao político”

Do 30 de xuño ao 2 xullo, co apoio da Cátedra Internacional "José Saramago"

Vigo | A Universidade de Vigo (UVigo) celebrará o II Coloquio Internacional “Estar em casa con Adília Lopes: do privado ao político”, que terá lugar entre o 30 de xuño e o 2 de xullo, organizado polo polo proxecto de investigación “Poesía actual e política II: conflito social e dialoxismos poéticos” (POEPOLIT II,  financiado polo Plan Nacional de I+D Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, PID2019-105709RB-I00, 2020-2023) e co apoio da Cátedra Internacional José Saramago.

O encontro desenvolveráse maioritariamente de forma virtual a través do Palacio de Congresos do Campus Remoto da Universidade de Vigo, aínda que haberá tamén unha mínima presencialidade. É unha actividade aberta e a asistencia é gratuíta pero é necesario rexistrarse previamente. Pódese consultar toda a información e o programa completo en: adilialopes.webs.uvigo.gal.

Tamén se fixo eco da realización deste evento o DUVI (Diario da Universidade de Vigo) nunha noticia que poden ler nesta ligazón.

Con máis de 30 comunicacións e conferencias de especialistas de universidades de diversos países (Portugal, Reino Unido, Brasil, Estados Unidos), este coloquio pretende afondar na análise e estudo da obra da poeta portuguesa contemporánea Adília Lopes, unha das voces máis notables, únicas e subversivas do horizonte poético en portugués na actualidade:

“No panorama literario en lingua portuguesa, Adília Lopes asume un lugar destacado, aínda que non sexa consensuado (e afortunadamente). Nas últimas décadas, tanto a influencia significativa exercida sobre a literatura en lingua portuguesa como a recepción académica internacional confirman a relevancia da súa obra, xa traducida a diferentes linguas como o español, o alemán, o francés, o inglés ou o holandés”.

“Tratando case a totalidade das cuestións máis destacables da contemporaneidade, cuestións importantes na súa poesía —desde o feminismo, a ecoloxía, os debates entre especismo e anti-especismo, consumismo e anticonsumismo, culturalismo e anticulturalismo, capitalismo e economía neoliberal, as diferentes nocións de confinamento e desconfinamento— a obra adiliana constitúe un excelente punto de partida para rever criticamente a sociedade globalizada, as culturas e as estruturas económico-políticas de Occidente, marcadas por varias crises nos últimos tempos.”

Como iniciativa vencellada ao coloquio, lanzouse no pasado mes de abril un ciclo de vídeos co hashtag #EstaremcasacomAdíliaLopes, en que diferentes personalidades leron e/ou comentaron poemas da autora que publicamos nas nosas redes sociais e blog.

Adicionalmente, a modo de introdución ao coloquio, realizarase en Lisboa unha mesa redonda con poetas e outras creadoras, con curadoría da investigadora e tamén poeta Elisabete Marques. Será o día 26 de xuño ás 18:00 (hora portuguesa) na librería Linha de Sombra, na Cinemateca Portuguesa en Lisboa. En breve teremos confirmados os nomes dos poetas e artistas que falarán sobre Adília Lopes, quen tamén estará presente e recitará algúns poemas.

Nesta mesa redonda presentarase o coloquio, inaugurarase unha exposición virtual das obras de catro ilustradores/as que traballaron sobre poemas de Adília Lopes (Sara Quijano, Bárbara Assis Pacheco, Alice Geirinhas e Luís Manuel Gaspar) e tamén se fará unha presentación do libro Poesia Política na Actualidade. Aproximações teóricas e práticas. O acto será gravado e posteriormente publicado pola UVigoTV.

Por outro lado, na páxina do coloquio, que será reconvertida no futuro nunha base de datos e documentación, vaise publicar a bibliografía practicamente completa da literatura activa e pasiva sobre a obra da autora portuguesa.