Uns 44 inmigrantes examínanse para obter o Diploma de Español

Ofrecido pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Centro de Linguas da UVigo

Pontevedra | Un total de 44 persoas de nove nacionalidades examínanse esta semana para obter o diploma de español (DELE) nivel A2 do Instituto Cervantes, logo de ter superado os cursos de español para inmigrantes promovidos pola Deputación de Pontevedra. Esta acción formativa gratuíta, que desenvolve a institución provincial en colaboración co Centro de Linguas da Universidade de Vigo, ten por obxectivo que inmigrantes de países non hispanofalantes poidan conseguir este título indispensable para poder optar despois á obtención da nacionalidade española.

O alumnado que superou o curso e realizará o exame procede do Brasil (15 persoas), Marrocos (14 persoas), Senegal (6 persoas), Ucraína (4 persoas), Rusia (2 persoas), Ghana (1 persoa), Mozambique (1 persoa) e Nixeria (1 persoa). As probas do DELE A2, cuxa matrícula tamén costea a Deputación, constan de dúas fases ao longo desta semana.

As probas orais teñen lugar o martes 5 de setembro na Facultade de Forestais do campus de Pontevedra (11 persoas), e o mércores 6 (17 persoas) e mais o xoves 7 (16 persoas) na Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo. Posteriormente, todo o alumnado realizará a proba escrita o venres 8 na Facultade de Ciencias Económicas, en Vigo.

Na edición máis recente dos cursos celebráronse dúas quendas en Vigo e outra máis en Pontevedra. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra busca facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título, para apoiar así a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.