Unidas Podemos pide que se restablezan todos os servizos ferroviarios suspendidos pola pandemia

Ante o comezo das clases e o incremento dos desprazamentos en tren
O deputado Antón Gómez Reino elevou esta petición ante o Congreso dos Deputados en Madrid.

Madrid/Unidas Podemos | O grupo parlamentario confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou no Congreso dos Deputados tres preguntas ao Ministerio de Transportes a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino acerca da suspensión de varios servizos ferroviarios en distintos puntos de Galicia.

“Debido á pandemia varias liñas de tren foron canceladas de maneira completa e continúan inactivas na actualidade”

Debido á pandemia varias liñas de tren foron canceladas de maneira completa e continúan inactivas na actualidade a pesar de que se recuperou a actividade económica e social. “As clases xa empezaron e iso supón unha actividade moi alta nas estacións con miles de estudantes que se desprazan ás cidades universitarias”, explicou Gómez Reino.

“Necesitamos que as frecuencias se restablezan como o fixeron a hostalería, as clases ou o traballo presencial”, continúa. É o caso do servizo de transporte de Vilagarcía de Arousa das 7:48 horas, cancelado pola pandemia e que conectaba a cidade con Vigo e Coruña.

Debido ao contexto actual e á volta ao traballo presencial, é esencial para aqueles usuarios frecuentes que xa a utilizaban antes da covid.

Outro dos documentos pregunta ao Ministerio de Transportes sobre a suspensión de 14 servizos ferroviarios en Galicia o pasado agosto tras varias denuncias do sindicato CGT baseadas nas liñas que comunican as cidades de Ourense, Carballiño e Santiago e Ourense, Monforte, Sarria e Lugo.

Ademais, coincidindo coa época estival e co Xacobeo, estímase que repercutiu negativamente para o desenvolvemento turístico destes municipios e as súas comarcas.

A formación pide ao Goberno que aclare a totalidade dos servizos suspendidos en Galicia así como os seus motivos, xa que algunhas informacións achácano á falta de persoal por parte de Renfe.

“A formación pide ao Goberno que aclare a totalidade dos servizos suspendidos en Galicia así como os seus motivos”

“Non só necesitamos recuperar a actividade normal das viaxes, tamén temos que fortalecer as liñas de media distancia que son as principais para vertebrar o país e para que as galegas conten cunhas frecuencias idóneas”, explicou Gómez Reino.