Unidas Podemos insta á Xunta a protexer á Ribeira Sacra da ofensiva eólica

Ante a súa recente proclamación como Reserva da Biósfera

Madrid/Unidas Podemos | O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, presentou unha iniciativa no Congreso sobre a fragmentación de proxectos de parques eólicos a instalar na Ribeira Sacra, recén proclamada Reserva da Biosfera galega xunto as serras do Courel e o Oribio.

Este nomeamento coincide co sometemento a información pública no DOG dun proxecto eólico fragmentado que pon en perigo a un espazo que acaba de ser recoñecido pola Unesco.

O proxecto Parque Eólico Treobada pretende instalar 12 aeroxeneradores cunha potencia total de 50MW que afectarían aos municipios de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, no entorno da Ribeira Sacra.

Este proxecto non inclúe a instalación dunha subestación transformadora de enerxía, polo que empregaría a do parque eólico Ventumelo, outro proxecto de 50MW na Pobra de Trives, Ribas de Sil e San Xoán de Río. Estes proxectos son impulsados polas sociedades Wind Grower SL e Wind Hero SL, ambas pertencentes ao empresario Antonio Mascaró Gomila.

Ademais, nestes momentos están en tramitación os parques eólicos de Neboada, Orballeira e Xeada, que compartirían as infraestructuras de evacuación e afectarían a varios municipios.

Con esta estratexia de fragmentación preténdese evitar as inspeccións do Ministerio de Transición Ecolóxica ao superar os 50MW e facilitar a tramitación por parte da Xunta de Galicia ao ser a encargada de controlar este tipo de instalacións dunha maneira máis laxa e accesible para as eléctricas.

“É ilóxico que unha zona que forma parte da Reserva da Biosfera vaia ser invadida por parques eólicos”, alega Gómez Reino.

“A Ribeira Sacra é unha zona de enorme valor ambiental, cultural e turístico. O impacto visual, paisaxístico e na fauna da zona supón someter esta riqueza ao interese de empresas privadas”, concluíu o deputado de Unidas Podemos.