Unda aldea no Nadal, Codeseda 2022

Inauguración este 8 de decembro no Museo Etnográfico Casa do Patrón

Lalín | Despois do gran éxito de público acadado nas tres edicións anteriores, incluso en plena pandemia, o vindeiro xoves, día 08 de decembro ás 18:00 horas terá lugar a inauguración da IV edición do evento “Unha aldea no Nadal do Camiño”, promovido polo Museo Etnográfico Casa do Patrón na aldea de Codeseda, en Lalín, no corazón da Galicia profunda.

Daremos así comezo ao tempo do Nadal nas aldeas galegas cun auténtico espectáculo de luz, decoracións de Nadal, colección de beléns artesanais, mercadiño solidario, actuacións teatrais e musicais e cantos de reis, que estarán abertas ao público de xeito totalmente altruísta e gratuíto, ata o día 06 de xaneiro, festividade dos Reis Magos.

Trátase dunha iniciativa sen precedentes no mundo rural galego, partindo do cero absoluto que a Casa do Patrón desexa consolidar no tempo, ao igual que fixemos coa Malla Tradicional, hoxe Festa de Interese Turístico de Galicia, durante os últimos 22 anos ininterrompidos, ou co proceso artesanal do liño, que levamos recreando 14 anos consecutivos. Unha verdadeira revolución dinamizadora da vida cotiá dunha aldea que, por unha banda ilusiona aos seus habitantes, e por outra atrae a milleiros de visitantes a nosa humilde aldea durante a época máis escura e fría, pero tamén a máis solidaria e fraternal do ano.

Aínda que reducimos un pouco o percorrido da iluminación, colaborando así coa redución do consumo enerxético, non incluíndo as casas deshabitadas da cima da aldea, intensificamos máis se cabe as actuacións no resto do conxunto, que ademais complementamos con varios puntos de decoracións típicas do Nadal, resaltando cada vez máis as construcións adxectivas típicas das aldeas, como son os muíños, hórreos, fornos, alpendres, bancos, árbores, capela, casa castrexa… que fan de Codeseda un lugar único no mundo.

Ademais da continuada iluminación nocturna durante todo o período indicado, a xente poderá visitar unha fermosa e enxebre colección de beléns artesanais, en varios puntos do lugar, así como as 15 salas de exposicións permanentes do Museo Casa do Patrón, no seu horario habitual, de martes a domingo, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

O vindeiro día 08 de decembro, ás 18:00 horas, procederemos ao acto de inauguración, acendido de luces e visita aos beléns,ambientadas coas panxoliñas do fío musical existente na aldea de fondo e a posterior actuación do grupo de gaitas “Os Trasnos de Doade”.
Haberá mercadiño solidario coa partición de mozos e mozas da parroquia e os colectivos de persoas con diversidade funcional Cogami e En Morea, para darlle a visibilidade que se merece a súa labor altruísta.

Os domingos 11 e 18 de decembro, e o día 06 de xaneiro día de Reis, haberá actividades e actuacións musicais para completar o noso programa. Agradecemos a colaboración da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Lalín, e dos veciños do lugar, sen a cal non resultaría posible a celebración deste evento pioneiro e singular nas fermosas terras galegas.

Dende a Casa do Patrón, queremos invitar a todos os galegos e galegas, así como aos visitantes que por aquí se queiran achegar, para celebrar xuntos este evento, que constitúe unha luz na escuridade e un verdadeiro acto de dignificación do Nadal nas nosas aldeas, para lembrarnos de que o rural tamén existe, aínda que historicamente fora e siga sendo o gran esquecido nestas datas tan entrañables para todos.