Un veciño do Pereiro percorreu España en bicicleta e promocionou o seu pobo

Alfonso Junco cubriu 5000 quilómetros en 44 xornadas

Pereiro de Aguiar | Alfonso Xunco, veciño do Pereiro de Aguiar, chegou ao seu pobo natal despois de 44 días de percorrido en bicicleta por toda a Península. Cubriu 150 quilómetros cada xornada ata completar cinco mil. Recibiuno o alcalde, Luís Menor, membros da corporación municipal, familiares e amigos.

“Creo que darlle visibilidade é darlle futuro e o futuro para o Concello é o meu propio e o dos meus fillos. Foron moitos os andaluces e cataláns que me preguntaron que roteiro estaba a facer e cando lles expliquei que saín desde a miña casa no Pereiro de Aguiar interesábanse por saber onde está e expliqueilles os roteiros que temos, a gastronomía que poderían gozar; creo realmente que é un Concello con moito que ofrecer”.

Aclara que “xa estaba preparado, teño boa forma física, fixen deporte de fondo desde hai anos e ciclismo desde pequeno, ademais é verán, o peor que me podería pasar sería perderme e durmir por aí”, di recoñecendo que de perderse gustoulle facelo en Doñana.

“Foi incrible, trinta quilómetros de pura area para ao final ter que cruzar en barco, é espectacular”, aínda que o seu plan inicial era facer a Transpirenaica e por iso destaca tamén os Pireneos e “os miradoiros de Ordesa” e como galego non quere deixar de lado “a beleza e a dureza da costa galega, é unha brutalidade”. Nas fotos, Alfonso Junco recibido no Pereiro e mapa da viaxe realizada.