“Un tiro para Méndez Ferrín”, un libro fascinante sobre grandes autores da literatura galega

O seu autor é X. M. del Caño, editado por Edicións Embora

Santiago de Compostela | Edicións Embora sacou á rúa “Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias”. Trátase dun libro de relatos curtos, baseados en situacións vividas durante as últimas catro décadas por X. M. del Caño con grandes escritores, artistas e políticos galegos.

Isto permitirá que o lector poida aproximarse á pel e ao corazón de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Colmeiro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Carlos Casares, José Ángel Valente, Xesús Alonso Montero, Laxeiro, Manuel Prego de Oliver, Manuel María, Uxío Novoneyra, Antón Tovar, Chano Piñeiro, Pura e Dora Vázquez, Alfredo Conde, Graham Greene, Alfonso Sobrado Palomares, Carlos G. Reigosa, Isaac Díaz Pardo, Enríque Líster, Manuel Fraga e Carlos Slim.

Antón Riveiro Coello chama nun dos epílogos “a lectura dun libro xenial, escrito por quen tivo a sorte de estar aí, en momentos importantes da nosa cultura, a carón de recoñecidos artistas e destacados políticos”. E subliña, a continuación: “O prestixio deste libro fascinante non está en desvelar certas intimidades, nin en amosar o xeito, ás veces un pouco torpe, co que se desenvolven as persoas que admiramos cando andan pola parte máis mundana das súas vidas. O verdadeiro ouro do texto está máis alá das zonas restrinxidas, acoutadas, que poden quedar nas marxes dunha entrevista ou dun encontro inesperado”.

O libro revela algunhas das cousas que foron quedando no tinteiro, como dicía Díaz Pardo, cada vez que X. M. del Caño facía un libro, unha entrevista ou participaba nun acto literario, ao longo das últimas catro décadas. Moitas delas son reveladoras e axudan a comprender mellor a obra e a vida de grandes personaxes galegos.