Un Setembro de festas para Ponteareas

Remataron cunha ampla programación de actividades

Ponteareas | Ponteareas afianzouse durante o último mes como un referente de lecer. As Festas de Setembro remataron esta fin de semana despois de 30 días cunha ampla programación de actividades para todas as idades e todos os gustos que encheu as rúas ponteareás de vida durante todo o mes.

“Foron xornadas coas que a vila volveu gozar das súas festas con normalidade e por todo o alto, un éxito de participación que nos enche de orgullo e nos fai continuar traballando en ofrecer a veciñanza e visitantes un amplo programa de actividades, atraendo público e dinamizando Ponteareas”, explica o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

En total foron máis de 40 propostas culturais e deportivas coas que se percorreron diferentes recunchos da vila, nas que a música tivo un papel destacado, así como as competicións de natación, ciclismo ou tenis, os tradicionais globos de San Miguel ou a recuperación da Feira Tradicional dos Remedios tras dous anos de parón a causa da crise sanitaria.

“Pechamos o verán dinamizando as nosas rúas, cunha ampla oferta de actividades para experimentar, gozar e compartir, que encheron de vida as rúas da vila e deron un importante pulo ao comercio local”, recalca o edil.

Nestes días de festexo nos que se celebraron a Festa dos Remedios e San Miguel, dúas datas moi sinaladas en Ponteareas, “enchéronse as butacas en todos os espectáculos, as prazas abarrotáronse de xente bailando e desfrutando da música, de familias gozando de atraccións tamén inclusivas e con descontos ofertados polo Concello ou de todas as competicións deportivas que a vila acolle durante este mes”.

V edición do obradoiro dual Coidar de Nós
O Concello de Ponteareas segue a traballar para favorecer a formación e a inclusión laboral da súa veciñanza. Este luns comezaba a quinta edición do obradoiro dual Coidar de Nós, que por primeira vez estará dirixido de forma íntegra a veciños e veciñas de Ponteareas e que aposta por un cambio na súa temática para axeitar á realidade da demanda de emprego na contorna.

“Continuar con estes obradoiros é fundamental para o concello, non só porque nos permite seguir formando ás e aos ponteareás e potenciar a súa empregabilidade, senón porque o estamos a facer en sectores cun retorno moi positivo na contorna, xa que conta cunha taxa de contratación de máis do 90%”, salientou a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Soage, durante o acto inaugural, que contou tamén coa presenza do primeiro tenente de alcaldesa, Roberto Mera, e da xefa territorial de Emprego e Igualdade, Marta Martiño.

Nesta edición, Ponteareas estrea o módulo de albanelaría, que centrará as súas prácticas no acondicionamento de instalacións municipais de uso público, como a Casa Cultural de Areas, o palco da Feira Vella, o parque da Castiñeira, a residencia de maiores ou o arranxo de beirarrúas. Pola súa banda, o módulo de atención sanitaria porá o foco na atención a persoas dependentes en domicilio e en institucións sociais, ofrecerá prácticas na residencia asistida do Meixoeiro e traballo tanto n o SAF municipal como na residencia de maiores de Ponteareas.

En total serán 20 persoas que accederán a un contrato de formación en alternancia a xornada completa durante 12 meses. Ademais, durante o tempo que dure os cursos contrataranse a seis traballadores e traballadoras para o equipo técnico docente. Este obradoiro dual de emprego conta cun investimento de arredor de 50.600 euros financiados polo Concello de Ponteareas e de case 504.000 euros pola Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Dende a posta en marcha destes obradoiros de formación dual no ano 2015 máis de 160 veciños e veciñas de Ponteareas e As Neves pasaron polas aulas do Centro de Dinamización Local de Ribadetea e melloraron a súa empregabilidade.