Un setembro de festas en Ponteareas

Coas tradicionais Festas de San Miguel e de Setembro
O grupo Broken Peach rematará as Festas de Setembro en Ponteareas.

Ponteareas | Ponteareas celebra as festas de San Miguel con actividades para todos os gustos e toda a familia con animación e moita música na vila durante toda a semana. A primeira cita será o mércores 29 de setembro cos xigantes e cabezudos, que percorrerán as rúas do centro urbano acompañados do Grupo Folclórico Naiama a partir das 11.30 horas.

Tras eles, e como xa é tradición nas festas, os globos de San Miguel encherán o ceo ponteareán ás 13.30 horas. O Concello agradece o intenso traballo que cada ano realizan todas as persoas implicadas na confección destes delicados globos lanzados cada ano coa colaboración de Enrique González, veciño de Covas, e tan cheos de simbolismo.

A programación festiva continuará pola tarde con animación de rúa ás 17.00 horas e co concerto da Banda de Música A Unión de Guláns na Praza Fernández Vega ás 19.00 h. A interpretación de clásicos do rock, pop e heavy metal de todos os tempos a mans do grupo América a partir das 21.00 h no aparcadoiro da Avenida Castelao porá o broche de ouro á xornada.

O xoves 30 de setembro o grande protagonista será Tanxugueiras, un grupo de folk galego que se perfila como favorito dos fans de Eurovisión para representar a España na vindeira edición do certame.

A súa canción, ‘Figa’, foi a máis votada entre unha listaxe de 100 propostas feita por Eurovisión-Spain e composta por todo tipo de artistas consagrados e emerxentes.  Un potencial escénico e unha autenticidade que abren a posibilidade de levar unha canción nunha das linguas oficiais do estado por primeira vez na historia.

Dende o Concello agradécese a grande acollida da programación das festas de San Miguel deste ano, coas entradas das actuacións de América e Tanxugueiras esgotadas en apenas unhas horas.

Saliéntase ademais a gran calidade dos espectáculos, de balde e pensados para todos os públicos, e anímase a todas as persoas a gozar das diferentes actividades previstas para estes días. A programación das festas continuará o venres 1 de outubro, sábado 2 e domingo 3 con diferentes actividades para todas as idades.

Festas de Setembro 
Ponteareas remata este domingo as súas Festas de Setembro despois de máis de 30 propostas de balde e para todos os públicos. Dende o Concello afirman que “están moi satisfeitos coa acollida da programación por parte da veciñanza” e anímaos a asistir ás nove propostas culturais e de animación que se van celebrar dende este mércores ata o próximo domingo.

A recta final comeza mañá, festivo local, ás 11.30 horas cun pasarrúas de xigantes e cabezudos acompañados do Grupo Folclórico Naiama polo centro urbano, máis tarde, ás 13.30 h, será o lanzamento tradicional dos globos de San Miguel, ás 17 h haberá distintas actividades de animación na rúa e ás 21.00 h o grupo América pechará a xornada no aparcadoiro da Avenida Castelao.

O xoves ás 21.00 horas o parque da Feira Vella acollerá a actuación de Tanxugueiras, mentres que o venres a mesma hora pasará polo mesmo escenario Tania Veiras.

A agrupación Tanxugueiras tamén estará presente.

A xornada do sábado comeza ás 18.00 horas con animación nas rúas do centro urbano e remata co concerto de A banda da Loba xunto a un recital poético para festexar a obra de Xela Arias ás 21.00 h no parque da Feira Vella. O domingo as Festas rematan cunha visita guiada ás 11.30 h ao legado arquitectónico dos mestres Cerviño na vila, e co concerto de Broken Peach ás 21.00 horas no parque da Feira Vella.