“Un galego no Camiño Portugués”, un traballo de Xosé Benito Reza

Unha guía sobre o itinerario xacobeo portugués

Santiago de Compostela | O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no Pazo de San Roque na presentación da obra “Un galego no Camiño Portugués”, un traballo de Xosé Benito Reza que recolle as andainas dun galego que decide facer o Camiño de Santiago desde Lisboa.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo destacar a ”importancia do fomento da lingua galega vinculada ao feito Xacobeo e o Camiño de Santiago, presentando a nosa lingua propia como un atractivo cultural máis de Galicia e proxección exterior do noso idioma ”.

Canda Valentín García tamén estiveron presentes o autor, Xosé Benito Reza, e Manuel González, membro da Real Academia Galega e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades.

“O libro, editado por Edicións Fervenza, é un dos proxectos impulsados na primeira convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022”

O libro, editado por Edicións Fervenza, é un dos proxectos impulsados na primeira convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022, o repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que se puxo en marcha ao abeiro do Plan de Reactivación do sector cultural ao inicio da pandemia e que xa vai pola súa segunda edición, destinando en total máis de 5M€ para apoiar aos profesionais do sector cultural.

Recoñecemento do Camiño Portugués
En Un galego no Camiño Portugués nárranse os pasos dun galego que decidiu viaxar a Lisboa para comezar a peregrinaxe en bicicleta ata Santiago por un camiño que cosideraba perdido e devecía por recuperar. Era o ano 1993 e o fenómeno xacobeo iniciaba unha etapa dourada.

En total, oito etapas e 119 lugares percorridos nunha semana e recollidos nas máis de 200 páxinas deste libro-diario que nos traslada ás paisaxes da fachada atlántica e á historia común que une a galegos e portugueses nun intento do autor por seguir sumando adeptos a esta travesía.

Comprometido coa cultura e a natureza
Xosé Benito Reza Rodríguez (Celanova, 1956) é enxeñeiro de montes, amante da natureza e un home comprometido coa cultura e a lingua galegas. Puxo en marcha os parques naturais do Xurés e do Invernadoiro nos anos 90; foi director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia (2005-2009) e promotor e redactor da Lei 7/2008 de Protección da Paisaxe de Galicia.

Entre as súas obras como ensaísta, divulgador e narrador atopamos Celanova e o vento (1999), en colaboración con X.L. Méndez Ferrín; Biografía do poeta Manuel Curros Enríquez (2001) ou a súa primeira novela, Terradentro (2017), coa que gañou o premio de narrativa Losada Diéguez. Na actualidade é patrón da Fundación Curros Enriquez e secretario do Grupo Histórico-Arqueolóxico Larouco.