Un Concilia Verán gratuíto en Mondariz

Aberto o prazo de inscrición

Mondariz | O Concello de Mondariz abre o prazo para a inscrición no campamento de conciliación familiar e laboral “Concilia Verán” que este ano non terá ningún custo para as familias grazas á subvención solicitada e aprobada de 22.089,76€. Dende mañá 22 de maio e ata o vindeiro 11 de xuño as familias con nenas e nenos entre 3 e 12 anos de idade poderán realizar a inscrición nas oficinas do Concello.

Este ano o Concilia Verán chega cargado de novidades e por primeira vez as e os nenos participantes poderán xantar en compaña das e dos monitores. Tentando dar resposta ás necesidades das familias, o Concilia Verán desenvolverase nas vacacións escolares de verán durantes os meses de xullo e agosto. O horario inicial será de luns a venres 9 a 14h (agás festivos), tendo a opción de ampliación de 8.30 a 14.30h (servizo de garda) e como novidade este ano, haberá servizo de tuper (comida no campa) ata as 16.00h para as familias que así o soliciten.

Este ano tamén se aumentan as prazas que pasarán de 50 a 60 rapaces/as. O lugar onde se desenvolverán as actividades serán no antigo colexio Pé do Muíño (actual Escola de Música) e arredores. Cinco monitoras con título oficial e moita experiencia, encargaranse de facer que os/as participantes gocen durante o campamento con xogos, obradoiros (cociña, manualidades, ciencia, igualdade, reciclaxe), saídas á natureza (praias fluviais, senderismo) e ás instalacións e edificacións singulares do municipio, escape room, xincanas, excursións fóra do municipio, etc.

Outra das novidades que o Concello quere adiantar é o programa “Concilia Xove” para maiores de 13 anos, unha demanda das familias, que agora o Concello prevé satisfacer programando actividades deportivas e lúdicas dirixidas a este tramo de idade.

A concelleira de Cultura, Elena Naveira, explica que dende o seu departamento “apostamos por un formato de actividades formativas, lúdicas e conciliadoras onde os/as rapaces/as se mergullan nunha entretida, pero á vez, educativa aventura. Estas actividades traballarán contidos tales coma, o desenvolvemento psicomotriz, a expresión corporal, o coñecemento físico e deportivo, a plástica, a creatividade, o teatro, a música, a danza, o xogo, a animación á lectura, etc”.

As actividades lúdicas combinaranse cun importante traballo sobre o coñecemento do patrimonio natural e cultural do Concello, o respeto polo medio ambiente, a diversidade (en todas as súas variantes) e a igualdade, a través de xogos (populares e tradicionais, deportivos, acuáticos, musicais, de habilidade e coñecemento, cooperativos,..) obradoiros (manualidades con material de refugallo, cocina creativa e saudable,..), representacións teatrais, xincanas carreiras de orientación e búsquedas do tesouro, actividades artísticas, deportivas, científicas e musicais, etc.

O Concilia Verán conta co apoio da Secretaría de Igualdade a través do Plan Corresponsables parcialmente cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027).

Este campamento enmárcase no proxecto Concilia Mondariz que ofrece apoio ás familias co Concilia Semana Santa, Concilia Verán e Concilia Xove.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.