Un 8M en Ribadumia de cara á igualdade

Presentadas as actividades do Día Internacional da Muller 2022

Ribadumia | O Concello de Ribadumia quere informar das actividades que se celebrarán con motivo do 8 de Marzo, día Internacional da Muller 2022.

No ámbito educativo, a biblioteca municipal por unha banda, celebrará unha sesión contacontos denominada “Contos pola igualdade” coa que se pretende romper coa tendencia nos contos infantís de asignar roles estereotipados ás nenas e nenos.

Por outra banda, adquiríronse varios libros e contos clásicos sen estereotipos de xénero que teñen como obxectivo contribuír á eliminación destes roles dos que acabamos de falar. Finalmente, contaremos coa exposición e mostra bibliográfica alusiva á temática feminina.

No CPI Julia Becerra Malvar realizarase a lectura do manifesto do 8M, un baile por parte do curso de sexto de primaria coa intención de visibilizar o papel fundamental das mulleres na sociedade e un escape room de xénero denominado “Escapa da Desigualdade” dirixido ós alumnos e alumnas de secundaria.

Trátase, este último, dun proxecto cun enfoque de transformación persoal e social que promova a conciencia dunha igualdade real e efectiva mediante un xogo sobre un mapa do centro educativo. Haberá que localizar pistas coas que se irán conseguindo obxectos, documentos e ferramentas e os xogadores deberán facer fronte a quebracabezas, enigmas e unha infinidade de probas. Finalmente no CPI desenvolverase un proxecto de igualdade consistente en varias charlas/sesións con profesorado, alumnos e familias.

Día da muller

No eido cultural, realizarase un acto de “Homenaxe ás Mulleres de Ribadumia” o vindeiro domingo 13 de marzo no Auditorio Municipal. A selección das homenaxeadas realizarase conforme ás bases aprobadas no pasado Pleno Municipal do 11 de febreiro. Deste xeito preténdese render homenaxe a unha ou varias mulleres ou colectivos femininos e/ou institucionais, representantes dun eido deportivo, cultural, social, educativo, sanitario ou calquera outro que mereza a consideración segundo a corporación municipal e persoal técnico implicado.

Ademais, nesa mesma gala homenaxe, contaremos co espectáculo de Rilo&Penadique denominado “Lavandeiras” e destinado a público adulto. Nel enxalzarase o importante papel social e histórico que desempeñou a muller galega ó longo de xeracións.

Por último, no ámbito da comunicación, difundirase un vídeo representativo do papel da muller en distintos eidos e que recoñeza a súa importancia independentemente da súa raza, etnia ou cor, idade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. Será gravado con mulleres do municipio. Porque o 8 de marzo deben ser os 365 días do ano.