Tui xa ten a súa propia Guía Turística da Red de Juderías

Presentada xunto con Monforte de Lemos e Ribadavia

Tui | Este xoves 1º de xullo a mediodía presentáronse no Parador Hostal Reis Católicos en Santiago de Compostela, as Guías Turísticas das Xuderías de Tui, Monforte de Lemos e Ribadavia, as tres cidades que forman parte en Galicia da Red de Juderías de España.

No acto participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, e a alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez. Tamén asistiron a xerente da Red de Juderías, Marta Puig, xunto á autora das guías, Alejandra Abulafia e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

As tres novas guías veñen a ampliar a colección de máis de 20 publicacións que xa ten editadas Camino de Sefarad, conformado un amplo católogo que permite dar a coñecer as xuderías existentes en España e o seu altísimo valor patrimonial e cultural. As publicacións nacen co obxectivo de por en valor este patrimonio, dos seus conxuntos medievais e, sobre todo, da herdanza das Comunidades xudías que os habitaron.

“As tres novas guías veñen a ampliar a colección de máis de 20 publicacións que xa ten editadas Camino de Sefarad, conformado un amplo católogo que permite dar a coñecer as xuderías existentes en España e o seu altísimo valor patrimonial e cultural”

Desde o punto de vista turístico trátase de publicacións que, ademais, veñen a enriquecer a oferta turística cultural de calidade en Galicia, ofrecendo novas experiencias nestes enclaves das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

No enderezo electrónico da Red de Juderías (https://redjuderias.org/) atópanse as 22 guías dispoñibles sobre cada unha das Rutas polas Xuderías de España que se poden consultar gratuitamente en liña ou adquirilas na súa versión en papel.

A Guía Turística de Tui comeza sinalando “Con acento galego e fornos que ofrecen pans recén feitos, Tui enmárcase nunha paisaxe privilexiada. Bloques de pedras impoñen o estilo das casas entre as cales se coan anacos da súa bela campiña. Nun recuncho da súa catedral unha pequena Menorá parece dicirnos: non nos esquezan, aquí vivimos”.

Trátase dunha recompilación da historia xudía de Tui centrada na súa cronoloxía, personaxes ilustres e que conta tamén con mapas e información sobre os lugares de interese xudeu e de interese xeral para o visitante.

Tamén conta cunha sección específica de paisaxes onde o río Miño cobra gran protagonismo, ou outra de Gastronomía Serfardí.