“Tui sempre tivo claro a defensa e promoción do Camiño Portugúes tradicional, o histórico”

Enrique Cabaleiro González | Alcalde de Tui
O alcalde tudense Enrique Cabaleiro considera que “Tui sempre tivo claro a defensa e promoción do Camiño Portugúes tradicional, o histórico, sen entrar a valorar outras variantes que se foron creando”.

Enrique Cabaleiro González (PSdeG/PSOE) é desde 2015 o alcalde do Concello de Tui. O rexedor tudense falou dos efectos da pandemia neste municipio, da eurocidade Tui-Valença, do Camiño Portugués, o pulso coas eólicas e a Axenda Urbana Sostible, entre outros temas.

Os problemas da pandemia, como afectaron ao comercio de Tui?
En Tui, ao igual que no resto do país, a pandemia afectou de xeito moi negativo ao comercio local, que xa arrastraba anos de dificultade ante a aparición de novos modelos de comercio e tamén a hostalaría.

Aínda que no caso de Tui hai dous elementos que agravaron esta situación: por unha banda, un longo peche perimetral que aillou ao noso Concello durante máis de tres meses; e por outra, non podemos esquecer que somos un territorio fronteirizo, polo que moita da actividade comercial e hostaleira está sustentada polo consumidor portugués, co que as restriccións e o peche fronteirizo con Portugal agravou a situación se cabe ainda mais.

O recente cambio de goberno en Valença do Minho, define unha nova etapa para a Eurocidade con Tui?
Si. Sempre un cambio político leva consigo a renovación de persoas e, polo tanto, tamén de ideas, polo que é de prever que iniciaremos unha nova etapa no ámbito da relación con Valença, aínda que as extraordinarias relacións dentro da Eurocidade sempre estiveron por riba de cuestións políticas ou persoais. De feito estamos xa traballando en deseñar proxectos de cara ao novos fondos europeos para desenvolver proxectos estratéxicos conxuntos.

Camiño Portugués pola Costa. Está Tui consolidándose como o concello clave para a súa difusión?
Tui sempre tivo claro a defensa e promoción do Camiño Portugúes tradicional, o histórico, sen entrar a valorar outras variantes que se foron creando. Onde si houbo un cambio de posición respecto de ese trazado foi en Portugal, onde Turismo Porto Norte oficializou o trazado do Camiño pola Costa ata Valença. Os nosos esforzos temos que centralos en mellorar os serivzos públicos e tamén os privado para dar ós peregrinos unha atención especializada e de calidade, coidando o noso entorno e a profesionalidade dos actores privados.

“Tui sempre tivo claro a defensa e promoción do Camiño Portugúes tradicional, o histórico, sen entrar a valorar outras variantes que se foron creando”

Tui rexeitou xunto a Gondomar o proxecto do parque eólico de “A Paraguda”, na entrada do Monte Aloia. Como afecta este proxecto ao ecosistema tudense?
O parque eólico da Paraguda afecta a tres parroquias de Tui, Malvas, Pazos de Reis e Randufe. Dada a súa proximidade ao Parque Natural do Monte Aloia, para nós é inaceptable a súa ubicación nun espazo natural único que ten que gozar da máxima protección por parte das administracións, ao marxe do dano ambiental que xa de por si xeneran os eólicos en canto á invasión e deterioro do territorio, polo que as administracións competentes deben buscar alternativas mais sostibles que non sexan a invasión e degradación do medio natural.

Sobre o parque eólico da Paraguda, Cabaleiro foi explícito ao destacar que “para nós é inaceptable a súa ubicación nun espazo natural único como é o Parque Natural Monte Aloia”.

Tui é considerado un exemplo a nivel estatal na implementación da Axenda Urbana Sostible. Como está acometendo o goberno municipal a sensibilización cidadá de cara á Axenda 2030?
Un dos grandes hitos de esta lexislatura sen ningunha dúbida, foi conseguir ser un dos quince concellos de toda España de menos de vinte mil habitantes ao que se lle otorgou a concesión dunha subvención para desenvolver un plan piloto de Axenda Urbana.

Isto vai a significar que comezaremos a levar a cabo actuacións en materia de comunicación, planificación e, como non, tamén de participación veciñal, que é unha das claves deste plan piloto. Nestes momenos estamos no proceso de contratación destes traballos.

Como valora o Concello de Tui o feito de que o Centro Mestre Clara Torres recibira o Premio Escola do Ano?
É todo un orgullo para este Concello que o noso Centro Rural Agrupado Mestra Clara Torres recibise esta distinción, polo que ten de recoñecemento e de posta en valor do ensino no rural e tamén porque pon de manifesto que, dende a Galicia profunda, se exercen labores pedagóxicas vanguardistas e de moito nivel, o cal tamén significa un recoñecemento implícito á traxectoria dos e das mestras que traballaron neste proxecto educativo durante moitos anos.

“Cando as cousas remataron políticamente como remataron no Porriño,
é que algo non se fixo ben”

Que valoración fai Vde. do que pasou no veciño Concello do Porriño a nivel político?
Como Alcalde de Tui non podo entrar a valorar o que sucede noutro Concello a nivel político, sobre todo a un Concello que lle teño un especial cariño, xa que alí estudiei o Bacherelato, pasei unha parte importante da miña xuventude e teño moi bos amigos e amigas. Aínda que cando as cousas remataron políticamente como remataron, é que algo non se fixo ben.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.