Tui presenta o programa da Semana Santa 2023

Comezará este 26 de marzo ata o 9 de abril

Tui | O Concello de Tui presentou hoxe a programación da Semana Santa deste ano 2023, que comezará este domingo 26 de marzo e rematará o próximo 9 de abril, Domingo de Pascua de Resurrección.

No acto de presentación estiveron presentes Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, e Jorge Gonçalves e Juan José Sío Castro, representantes da Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e da Asociación de antigos voluntarios de Protección Civil de Tui, respectivamente.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, referiuse aos valores culturais que destacan en Tui ao longo dos séculos e ao valor turístico, patrimonial e histórico da Semana Santa tudense.

Deste xeito, puxo en valor a procesión do Santo Cristo no Venres Santo, que está documentada xa no ano 1653; a horta das Oliveiras, que se recrea na Capela da Misericordia dende 1818; ou o “Monumento” da Catedral, “retablo que se montaba anualmente para a función litúrxica do Xoves Santo, testemuño das disposicións canónicas na Contrarreforma”. Salientaba o rexedor que se trata dunha peza de mobiliario litúrxico única en España nestes momentos, foi realizada en175 por Juan Luís Pereira.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicaba que buscan que a Semana Santa de Tui “sexa recoñecida, tanto na comarca como en Galicia”. Amosou ademais a vontade de colaboración dende o Concello cos colectivos que promoven a celebración da Semana Santa, amosándolles o seu agradecemento por “manter estas celebracións que contan cunha tradición secular”.

Jorge Gonçalves, representante da Irmandade do Docísimo Nome de Xesús, e Juan José Sío Castro, da Asociación de antigos voluntarios de Protección Civil de Tui, fixeron un chamamento nesta presentación para contar con “máis costaleiros e costaleiras para sacar ós santos nos actos procesionais”.

Este domingo día 26 de marzo comeza a programación co Pregón de Semana Santa ás 18:00 h na Capela das Reliquias da S.I. Catedral. Será a cargo de D. Avelino Bouzón Gallego, coengo e director do Arquivo da Catedral. Haberá ademais un pequeno concerto a cargo de Cristina Gómez, e Gabriel Silvera, profesora de óboe e profesor de guitarra, respectivamente, do Conservatorio de Música de Tui.

O próximo domingo 2 de abril, Domingo de Ramos, terá lugar a tradicional beizón de ramos ás 11:00 h na Praza de San Fernando. A continuación sairá a procesión e celebrarase misa na S.I. Catedral.

O mércores 5 de abril, Mércores Santo, terá lugar a Misa Crismal na S.I. Catedral ás 12:00 h presidida polo Bispo da diocese e concelebrada polo presbiterio diocesano.

O Xoves Santo, 6 de abril, a Misa Vespertina da cea do Señor será ás 19:30 h na S.I. Catedral. Logo, e até as 23:00 h, terá lugar o tradicional percorrido polos seguintes monumentos: S.I. Catedral, Igrexa das Monxas Clarisas, Igrexa de San Telmo e a Igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia visítase a representación de Horto das Oliveiras. Debido ás obras na rúa Antero Rubín, este ano non é posible acceder á Capela da Residencia San Telmo e á igrexa de San Domingos.

O 7 de abril é Venres Santo e ás 11:00 h terá lugar o Sermón do Encontro e procesión dos pasos. Os pasos sairán dende a Capela da Misericordia até a Praza de San Fernando, onde será o Sermón do Encontro, a cargo de D. Ángel Carnicero Carrera, reitor do Seminario Maior “San Xosé”. Ás 18:00 h celebrarase a Paixón do Señor na S.I. Catedral. Ás 20:00 h será o Sermón do Desencravo, a cargo de D. Samuel Montes, formador do Seminario Maior “San Xosé”, e a procesión do Santo Enterro até a igrexa parroquial de San Francisco. Debido ás obras na rúa Antero Rubín trasládase o Sermón á S.I. Catedral.

O Sábado Santo, 8 de abril, ás 8:00 h comezará a procesión da Nosa Señora da Soidade dende a Igrexa de San Francisco até a S.I. Catedral. A continuación, Sermón a cargo de D. Ángel Carnicero Carrera, reitor do Seminario Maior “San Xosé”. Ás 20:00 h terá lugar a solemne Vixilia Pascual na igrexa parroquial de San Francisco. Xa o domingo 9 de abril, Domingo de Pascua de Resurrección, terá lugar a Misa Pascual na S.I. Catedral ás 12:00 h, presidida polo Bispo da diocese.