Tui logra a declaración de Área Rexurbe para rehabilitar o seu centro histórico

Prevista na Lei 1/2019, do 22 abril de rehabilitación urbana de Galicia

Tui | Un total de 135.000 metros cadrados do Conxunto Histórico de Tui, e tamén do paseo da Corredoira e das rúas Bispo Lago e Martínez Padín, forman parte da nova Área Rexurbe que a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda levou hoxe ao Consello da Xunta para a súa declaración.

É unha figura prevista na Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, para impulsar a revitalización integral das zonas ou ámbitos con edificacións máis degradadas ou en declive socioeconómico. Até o de agora en toda Galicia só Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia formaban parte dunha Área Rexurbe.

Segundo o informe realizado polo Concello de Tui para xustificar a súa aprobación, hai identificados máis de 360 edificios nas zonas de actuación da Área Rexurbe, dos cales 67 presentan un estado ruinoso. Ademais, nesta área (centro histórico, Corredoira, Bispo Lago e Martínez Padín) residen ao redor de 1.900 persoas, unha poboación bastante envellecida, xa que case a cuarta parte supera os 65 anos.

A decisión da Xunta de declarar a Área Rexurbe na cidade de Tui, ademais de promover a rehabilitación de edificios, tamén busca que se leven a cabo iniciativas de dinamización social, demográfica e económica.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, cualificou esta declaración como unha magnífica noticia e asegurou que “é unha cuestión na que levamos traballando dende case o inicio da lexislatura xa que consideramos fundamental que Tui, co centro histórico que posúe, estivera dentro dunha Área Rexurbe”.

Indicaba o alcalde que “Tui xa estaba nun Programa Rexurbe de rehabilitación pero a través desta declaración conséguese actuar nun ámbito moito máis extenso e no que ademais da rehabilitación de edificios, establecerase un proxecto socioeconómico para as diferentes zonas do municipio incluidas na Área Rexurbe”.

De igual xeito, o alcalde tamén referíase ao importante esforzo que terá que asumir o Concello de Tui tras a declaración da Área Rexurbe, xa que van ser necesarios un maior número de medios persoais, técnicos e máis recursos financeiros para levar a cabo este ambicioso proxecto que cualificou como “o principio do rexurdir do noso patrimonio histórico”.

Tras a súa declaración hoxe e unha vez publíquese no DOG, o seguinte paso para o Concello de Tui será empezar a traballar no plan de dinamización da súa Área Rexurbe, planificando as actuacións que se van desenvolver nos vindeiros anos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!