Tui homenaxeará ao cura agrarista Basilio Álvarez

Con motivo do 80 aniversario do seu pasamento

Tui | Miguel Cabo Villaverde, profesor de Historia da USC, presentará, o mércores, 15 de novembro; a partir das 19:30 H. (sete e media da tarde), o seu libro Ese vento que vai sobor da terra. A vida desmedida de Basilio Álvarez, editado pola Deputación de Ourense.

A presentación terá lugar na Sala Félix Rodríguez – Edif. Francisco Sánchez.

A actividade, está organizada polo IEAMSO, Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, no Ciclo “Sobredo 101, anos despois” e conta coa colaboración do Concello de Tui.

Motiva esta actividade o feito de que hai 80 anos, no 15 de novembro de 1943, morre no exilio, Basilio Álvarez; na súa faceta de líder agrario foi quen de mobilizar a sociedade galega da súa época na loita contra foros e caciques, e pola xustiza e a verdade.

Miguel Cabo, historiador especializado en historia rural e historia social, que ven de publicar a biografía que se presenta, nunha homenaxe no ano 2021 (La Región, 11 agosto 2021) sinalou que “sabemos pouco da súa figura máis aló da personaxe que el mesmo creou”. “Un orador portentoso, consciente do espectáculo que é a política”, comentou Cabo sobre Basilio.

A Deputación de Ourense encomendoulle a biografía de Basilio Álvarez coa finalidade de difundir o que supuxo a súa persoa e as súas obras para os seus contemporáneos, non solo en Ourense, senón tamén en Galiza e en América. O xornal La Voz de Galicia (11 agosto 2021) reseña: “Para moitos galegos aínda hoxe é o único persoeiro que poden mencionar co movemento agrarista, pero en 66 anos deulle tempo a vivir varias vidas e desempeñar con intensidade diversas profesións», sinalou Miguel Cabo, recordando que Basilio Álvarez «nunca se deixou manexar por ningún dos seus contemporáneos; nin políticos nin bispos”.