Tui gozará do folclore de Tahití, Serbia e África do Sur

Na Noite Internacional do Miño este 25 de xullo

Tui | O folclore de Tahití, Serbia e África do Sur protagonizará o próximo martes, 25 de xullo, ás 21.30 h a Noite Internacional do Miño. Este evento organizado pola Escola de Música e Baile San Fins de Rebordáns conta coa colaboración do concello de Tui e forma parte da programación de “Tui, Verán na rúa”.

O Parque do Laxal en Rebordáns encherase de luz, cor e diferentes ritmos da man dos grupos Hei Show Tamure de Tahití, Akademsko Drustvo Novi Beograd de Serbia e African Zebra Kings de África do Sur.

A asociación Hei Show Tamure de Tahití foi creada en 2010 e está composta por unha escola de danza e un grupo de danza, sendo a escola unha das escolas Ori Tahiti máis grandes de Europa. O grupo de danza, formado por bailaríns e músicos, participa activamente no desenvolvemento da cultura polinesia a través da danza e das cancións tradicionais.

Mentres os African Zebra Kings, son orixinarios de Ntuzuma, e Kwa-Zulu-Natal. O grupo conta con máis de 35 artistas baixo a dirección de George Oliphant. Ofrecen un espectáculo vibrante, con dinámicas tradicións sudafricanas, nas que destacan as incribles voces do grupo e as coreografías, acompañadas por sete tambores tradicionais africanos Nguni e un Jembe como tambor principal.

Pola súa banda o grupo de Serbia Akademsko Drustvo Novi Beograd, fundado en 1974 e con sede en Belgrado, está formado por artistas, músicos, bailaríns, escritores, poetas e outros colaboradores, que crean performances auténticas e de gran calidade. Os traxes que empregan nos seus espectáculos están elaborados por eles mesmos sendo fieis á súa historia.

Actuarán tamén os organizadores, a Escola de Música e Baile San Fins de Rebordáns, interpretando muiñeiras, pandeiros, ou xotas.