• Segue conectado
  • |

Tui conta cun mercado semanal seguro e regularizado

Cumpre coa normativa sanitaria e os postos están en igualdade de condicións en canto ao pago das taxas municipais

Tui | O mercado semanal que cada xoves se celebra en Tui cumpre coas medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias e o 100% dos postos que acoden ao mesmo están regularizados.

Dende que retomou a súa actividade o pasado 18 de xuño, tras o parón debido ao estado de alarma, o mercado semanal celébrase agora na prolongación da rúa Casal Aboy e nos terreos das antigas instalacións de Cam-Fran. O goberno municipal apostou na súa reapertura polo cambio de ubicación para garantir que puideran regresar os 160 postos autorizados cumprindo a normativa establecida, que recolle entre outras medidas a distancia mínima entre postos.

Dende o Concello apostouse por un mercado seguro co establecemento de xel hidroalcólico nas entradas e saídas do mercado, fixando un sentido de tránsito único con percorridos separados por valos e cinta e marcando unha separación de 6 metros con respecto ao posto situado enfronte e coma mínimo metro e medio co lateral. Amais nas inmediacións habilitouse un aparcamento gratuíto para facilitar a asistencia de público.

Amais dende o Concello fixouse coma obxectivo que todos os vendedores e vendedoras acudirán en igualdade de condicións no referido ao pago das taxas municipais. Por este motivo no momento de retomar a actividade do mercado comunicóuselle aos vendedores ambulantes que acumulaban débedas dende 2019 que dispuñan dun prazo improrrogable de 30 días para regularizar a súa situación, ou en caso contrario, segundo o recollido na ordenanza municipal, revogaríase a autorización do posto por incumprimento das condicións establecidas.

Transcorrido ese prazo o 97,5% dos 160 postos regularizaron a súa situación segundo explica a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, quen sinala que “isto deixa de manifesto claramente que o mercadillo de Tui cumpre as súas expectativas de venda”. A edil salienta a implicación do goberno municipal para garantir a continuidade do mercado dun xeito seguro e en condicións de igualdade para todos os vendedores e vendedoras.

Amais na última mesa de traballo coas asociacións representativas dos vendedores ambulantes da provincia que acoden os xoves a Tui xurdiron novas propostas que están a ser estudadas. A concelleira de Mercado, Ana Mª Núñez, agradece a implicación dos vendedores ambulantes para que o de Tui sexa un mercado seguro e digno, e un referente en modelo de venda ambulante. Tamén agradece a súa entrega e bo facer ao equipo técnico, persoal municipal, e Policía Local.

Publicado o 18 Set 2020 en Comercio, Portada, Tui.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies