Tui acollerá unha histórica peza teatral sobre a pesca do río Miño

Este venres 27 de agosto na ribeira de Caldelas

Tui | A ribeira de Caldelas acollerá este venres, 27 de agosto, ás 22 h a representación de “A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño” coa historia das disputas e a unión final de dous pobos escrita hai 350 anos por Gabriel Feixoo de Arauxo.

A Companhia de Teatro de Braga, CTB, e o Centro Dramático Galego, CDG, poñen en escena este texto teatral, o primeiro escrito na nosa lingua, nunha produción realizada para o Festival de Teatro Clásico de Almagro, e que en Caldelas terá un carácter especial, por celebrarse no mesmo lugar no que está ambientado o entremés e realizarse ao aire libre.

Esta mañá no Balneario de Caldelas, tivo lugar a presentación desta representación teatral por parte da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, os directores do CDG, Fran Núñez, e da CTB, Rui Madeira, respectivamente, e do presidente da Fundación L. Peña Novo, Xosé González Martínez.

Tamén estiveron presentes no acto os vareadores de Valença e Monçao, Rui Oliveira e Joao Oliveira, o concelleiro de Cultura de Salceda, Alexandre Rodríguez, o presidente da Comunidade de Montes de Caldelas,  Rosendo Pena, e o presidente da Asociación Cultural A Insua, Alejandro Da Cuña “Cuñi”.

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, comezou a súa intervención destacando que esta é “unha obra que representa a unión das xentes miñotas”. Sonsoles Vicente explicou que este entremés é un fiel reflexo do que son as Eurocidades, e afirmaba que “o Miño une. As nosas xentes nunca se sentiron desligadas, temos os mesmos costumes, as mesmas manifestacións culturais,  nos sentimos irmáns, e esta representación teatral así o transmite”.

O día 27 dicía, “imos facer unha gran festas da cultura galego portuguesa e agardo que esteades todos aí”.

Xosé González, presidente da Fundación L. Peña Novo, explicou a historia deste entremés obra de Gabriel Feixoo de Arauxo, editado en 1671, e que estivo case 2 século “durmindo na Biblioteca Nacional até o que descubriu Fermín Bouza Brey”.

Segundo expuxo este entremés é “un documento de vital importancia”. Indicaba que “Tui ten que asumir que á sede do primeiro texto teatral escrito en galego” un feito que dicía ten ser transmitido á poboación.

Rui Madeira, director da Companhia de Teatro de Braga, explicou coma esta produción comezou a xestarse en Tui onde se reuniu hai un ano co director do CDG, Fran Núñez. A CTB foi seleccionada para representar a Portugal no Festival de Teatro Clásico de Almagro, e a súa vez convidaron ao Centro Dramático Galego “a esta aventura”.

Nese momento, sinalou “as compañías decidiron dar ese paso máis importante no profundamento das relacións artísticas e culturais entre o teatro galego e portugués” nun encontro “que se pretende exemplar e que promove o traballo e as colaboración artísticas entre creadores dos dous lados do río Miño”.

Mentres Fran Núñez, director do CDG e desta obra, destacaba coma este é “o texto fundacional da dramaturxia galega” que até o de agora non representara ningunha compañía profesional. Dicía Fran Núñez que “hoxe creo que é fundamental, nestes tempos, transformar un texto, traballar un texto, que fala dun conflito, dunha división, dunha loita fronteiriza nun elemento de encontro, de encontro presente e de encontro futuro”.

Sinalaba que “para o CDG este proxecto é moi especial e moi importante” porque manteñen “as nosas relacións fundamentais con Portugal, neste caso cunha compañía histórica coma a CTB” e ademais porque “é un paso importante para o Centro Dramático de cumprir a súa función coa sociedade”.

Nese senso expuña que “facelo aquí, facelo na ribeira, por volta das datas das festas, para nós coma Centro Dramático é un orgullo que nos deixedes o espazo, que esteades, que colaboredes” e afirmada que a representación deste venres “vai ser unha gran festa”.

Indicou que “é un texto clásico, pero o espectáculo é unha comedida musical, un divertimento, un xogo escénico no que a xente o pasa realmente,… e que se acheguen a compartir connosco este momento que vai ser moi especial”.

Dirixida por Fran Núñez co apoio dramatúrxico do responsable da CTB, Rui Madeira, a obra conta cun elenco formado por Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, Antonio Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez, Solange Sá e Fran Núñez, coa colaboración especial de Paulo Bragança.

O texto inclúe fragmentos en galego, portugués e castelán, ao igual que o texto orixinal. A música e o baile teñen tamén especial protagonismo, coas coreografías de Belén Vázquez e Pilar Peña, do Centro Coreográfico Galego. Os equipos técnicos do Centro Dramático Galego e da Companhia de Teatro de Braga. A entradas poden reservarse de forma gratuíta en www.tui.gal. O aforo está limitado a 600 cadeiras.

Outros artigos