Trece Feiras do Libro e maior interconexión entre as librarías galegas

Reforzado o convenio entre a Federación de Librarías de Galicia e a Xunta de Galicia

Santiago de Compostela | A Biblioteca do Centro Galego de Arte Contemporáneo foi hoxe escenario da presentación dun acordo moi especial, o que refrenda o convenio de colaboración entre a Federación de Librarías de Galicia e a Xunta De Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que sirve de marco para o desenvolvemento das Feiras do Libro de Galicia.

O acto, presidido polo Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, D. Anxo Lorenzo, contou coa presencia de Óscar Porral, Vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia e Patricia Porto, Contadora da entidade, e serviu de marco para presentar o esperado calendario das Feiras do Libro de 2024, que comenzarán o vindeiro venres 19 de abril en Ferrol, e rematarán o 24 de agosto en Monforte de Lemos.

Entre medias, un extenso calendario que abrangue 13 municipios e que este ano conta con importantes novidades: A Feira do Libro de Vigo regresa ao centro, ubicándose na Praza de Compostela, e a programación refórzase en todas as citas con maior variedade de eventos: mesas redondas, presentacións, actividades infantís, debates…

As Feiras do Libro: espazo para a aventura
O evento serviu tamén para presentar o cartaz e o lema que acompañarán ás Feiras do Libro de 2024. Baixo o título “Atopa a túa Historia”, Xoana a cooperativa Cestola ilustrou un cartaz vivo e evocador que busca dar vida ao concepto que acompañará este ano as Feiras: un espazo de aventura e convencia entre autores e lectores, no que atopar a historia perfecta para cada un de nos.

A idea evoca tamén ás librarías como espazos vivos, que forman parte da historia das nosas vidas e vilas, nas que se forxa comunidade, que contribuen a facer crecer os nosos barrios e aportan ademáis un plus de profesionalización ao sector, dando espazo aos novos e novas autores e autoras, axudando ás persoas lectoras a atopar as lecturas máis afíns, e facendo crecer o tecido literario galego.

Un convenio ambicioso destinado a mellorar o tecido literario en Galicia
O convenio no que se engloban as Feiras do Libro é moito máis amplo, tal e como o propio Director Xeral de Cultura, D. Anxo Lorenzo, deixou claro na presentación.

De feito, o convenio inclue este ano, ademáis da realización das trece Feiras do Libro, un proxecto de formación continua para as librarías asociadas, con cursos que afondarán en temas tan importantes como a IA dentro do sector libreiro e editorial, o desenvolvemento de actividades dentro das librarías galegas, axudando especialmente a aquelas librarías que teñen maiores complicacións na súa programación, e un dos proxectos estrella do 2024: a creación dunha intranet para as librarías federadas que permita unha maior coordinación e difusión das actividade realizadas.

Con este acordo Federación e Consellería refrendan a súa colaboración, destinada a mellorar o crecemento e asentamento do sector literario en Galicia, e o posicionamiento das librarías como espazos de convivencia e profesionalización do sector.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.