Tralos pasos do 8M.

Dende o ano 1848 o mundo feminista estivo e segue estando en continua Ebullición.  Pero cecais sexa nestes momentos cando adquire un grao superior de quecemento.  Como ben di Antonio Guterres, secretario xeral da ONU, o patriarcado con milenios de poder detrás estase reafirmando. A ONU ten como misión especial reducir a brecha de xénero, por esta razón o 8M adquire unha especial relevancia.

“Este 8M presentouse na rúa cunha carga ideolóxica e partidista que anos pasados non existía”

Aquí entre nós, co gallo das desavenencias entre as dúas patas do Goberno sobre a xa famosa lei do Si é Si, este 8M presentouse na rúa cunha carga ideolóxica e partidista que anos pasados non existía; alomenos tan agravada. Se a este elemento disgregador lle sumamos a recente aprobada “lei trans”, a guerra estaba servida. Aínda así, con todo o que significa comprobar dous enfoques diferentes sobre o feminismo dentro dun mesmo goberno estatal, o sangue non chegou ao río.

O Presidente do Goberno preferiu reunirse na Moncloa cun grupo de mulleres directivas e Yolanda Díaz, portaestandarte da outra pata do Goberno, acudiu á entrega do Legado de María Zambrano na Caixa das Letras onde solicitou responsabilidade a todos os membros do goberno de coalición.

A rúa era un fervedoiro. Cada quen, como vulgarmente se di, sangraba pola súa ferida. A Ministra Irene Montero, albo de todos os tiros, trataba de explicar a súa posición sen que tivera demasiado eco entre o populacho. Solicitaron a súa dimisión acusándoa de non saber realmente o que é unha muller.

Pero fagamos un chisco de historia.

O gran movemento mundial feminino nace cando dúas mulleres en EEUU se indignan porque non lles permitiron falar nunha convención sobre a escravitude.

Elizabeth Cady e Lucretia Mott foron quen de reunir a centos de mulleres  esixindo dereitos civis, sociais, políticos e relixiosos. Aí nace a primeira agrupación de mulleres. Era o ano 1848. Pero sería anos mais tarde, en 1875, cando centos de mulleres protestan nunha fábrica téxtil de Nova York pola desigualdade salarial respecto aos varóns. Hai unha brutal represión por parte da policía que rematou asasinando a 120 traballadoras. Esta masacre foi o nacemento  do primeiro sindicato femenino da historia provocando folgas e protestas  en todo o mundo dentro do sector téxtil. A mais numerosa tivo lugar en 1908 baixo o lema “Pan e Rosas”  cando saíron á rúa 15.000 mulleres para protestar polas malas condicións laborais.

En 1909 celebrouse en EEUU o primeiro Día Nacional da Muller. O partido Socialista de América elixiu ese día na honra das mulleres  traballadoras da confección en Nova York. Este movemento chega a Europa en 1910. A Internacional Socialista, reunida en Copenhague, convidou a un cento de mulleres de diferentes países e alí se decidiu celebrar en marzo un día da muller para loitar polo sufraxio universal feminino. De aí que o Partido Socialista Español presuma de levar no seu ADN a defensa dos dereitos da muller. Creo que razóns non lle faltan.

“En 1909 celebrouse en EEUU o primeiro Día Nacional da Muller”

Por qué a cor morada?

Isto ten que ver co incendio producido nunha fábrica téxtil de Nova York onde 146 mulleres se viron atrapadas se poder saír. Perderon a vida. Alí elaborábanse telas  de cor morada. A lenda asegura que o fume que saia era desa cor: morado. De aí a vinculación do 8M coa cor morada.

Por qué o 8M?

Ben, isto tamén ten unha explicación.

Trala caída do Zar de Rusia no contexto da Revolución de 1917, o goberno provisional aprobou o voto feminino o 23 de febreiro, que pasou a ser día de festa nacional. A ONU explica que, segundo a calendario gregoriano, o 23 de febreiro en Rusia correspondía ao 8 de maio.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»