Traballadoras do SAF Ponteareas protestan pola súa precariedade laboral

Convocan a manifestar cada mércores deste mes de xuño

Ponteareas | O Sindicato CIG das traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) de Ponteareas convócanse cada mércores diante do Concello de Ponteareas reivindicando unha mellora das súas condicións de traballo ante o incumprimento dos seus dereitos laborais máis básicos.

Este colectivo responsabilizou da súa situación á empresa privada SAMAÍN SERVIZOS Á COMUNIDADE, pertencente ao GRUPO CLECE, así como ao Concello de Ponteareas e á Xunta de Galicia, os encargados da licitación a concurso desta empresa.

Digna Cardoso, unha das delegadas deste colectivo, indicou que levan desde xullo de 2021 protestando pola súa situación. Reuníronse con representantes do Concello de Ponteareas e da propia empresa SAMAÍN para tentar buscar unha solución, recibindo ata agora unha resposta negativa.

Entre as súas reclamacións sinalan o incumprimento en materia salarial dun convenio que leva 11 anos sen negociarse por decisión da patronal. As traballadoras levan todo este tempo percibindo o importe dos seus salarios sen a aplicación da revisión do IPC. No caso do 2021, a empresa decidiu non aplicalo, fixado nun 6,5%.

Tamén reclaman por insuficiente a taxa fixada en 0,18 € por quilómetro cada vez que teñen que desprazarse ás parroquias cos seus propios vehículos; igualmente o incumprimento dos descansos mínimos fixados pola lei; a escaseza de descanso para as traballadoras dos fins de semana (só dous días de descanso de cada quince); e a inexistencia dun sistema efectivo de vixilancia da saúde das traballadoras, tendo en conta o seu labor en solitario; nalgúns casos en domicilios insalubres e con mínimas condicións hixiénicas.

Aproveitando que “o Pisuerga pasa por Valladolid”, un membro dun partido da Oposición e outro con pretensión de selo sumáronse á protesta.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.