Tomiño, Premio Cidades que Camiñan 2022

Recoñece a mellora da calidade urbana e a recuperación da mobilidade peonil

Tomiño | O Concello de Tomiño resultou gañador do Premio “Cidades que Camiñan 2022” pola transformación da Praza Antonio Fernández en Goián. Este galardón, que concede a entidade do mesmo nome, recoñece aos municipios que promoven accións destacadas en favor da mobilidade peonil.

Tomiño acada este premio na categoría de localidades de menos de 20.000 habitantes, xunto con Coruña que resultou galardonada na categoría de cidades de máis de 100.000 habitantes e Vilagarcía de Arousa na categoría de entre 20.000 e 100.000 habitantes. Estepona recibiu o premio de honra polo seu proxecto de apertura ao mar. Cidades como Bilbao ou Cádiz foron galardonadas en edicións anteriores do premio.

O premio recoñece a transformación e recuperación do espazo público de Goián a través do Proxecto Máis Goián. O proxecto comezou a súa andadura fai más de dez anos, e foi preciso acometer unha modificación puntual do plan xeral para convertilo nunha realidade. Grazas a este proxecto foi posible transformar de xeito integral todo o núcleo urbano de Goián, recuperando o espazo público, agora colonizado polas nenas e nenos, que gozan do lugar xogando e explorando, e polas veciñas e veciños que dispoñen dun espazo novo, libre de coches e totalmente renovado para atoparse, charlar, camiñar ou tomar algo nos establecementos da zona.

“Máis Goián” transformou o corazón de Goián, a Praza Pintor Antonio Fernández, así como toda a zona, eliminando a circulación, xerando zonas de prioridade peonil, reconectando os accesos, mellorando o mobiliario, xerando espazos de aparcadoiro, creando espazos de deporte como as pistas de skate e recuperando parques e arboledas para o desfrute das persoas.

O premio recoñece aspectos como a mobilidade de base peonil, o dereito ao espazo público, a planificación urbana camiñable, a autonomía infantil, a accesibilidade universal, a seguridade viaria e o medio ambiente saudable, entre outros.

A alcaldesa, Sandra González, recolleu este venres o premio nun acto que se celebrou ao abeiro do noveno Congreso da Red de Cidades que Camiñan os días 6 e 7 de outubro en Palma de Mallorca. Co este galardón recoñécese o traballo que se está a facer dende o Goberno municipal para a recuperación de espazos para as persoas con proxectos transformadores que contribúen a mellorar a calidade de vida urbana. “Estamos convencidas da importancia de recuperar espazos públicos para as persoas, e deste xeito estamos transformando radicalmente Tomiño e as súas parroquias. Este premio recoñece ese esforzo, e nos indica que imos no bo camiño” declaraba a alcaldesa trala recollida do premio.

A Rede Cidades que Camiñan é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, aberta a concellos e outras administracións públicas comprometidas coa mobilidade peonil e que ten como principal obxectivo que as e os peóns sexan os máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público.

Todos os municipios e institucións que integran a Rede asumen o seu compromiso coa mellora do espazo público para camiñar, estar e socializar, abordando proxectos que fomentan os aspectos sinalados que son a seña de identidade destes premios.