Tomiño inaugurou o skatepark en Goián

Financiado polo Plan Concellos 2020 no marco do proxecto "Máis Goián"
Na inauguración estiveron presentes a alcaldesa Sandra González e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ámbalas dúas ao centro da foto.

Tomiño | O Concello de Tomiño inaugurou este 2 de outubro un dos mais grandes skatepark da provincia de Pontevedra, situada nos espazos da Alameda de Goián e no marco do programa “Máis Goián”.

O acto contou coa presenza e a intervención da presidenta da Deputación, Carmela Silva, da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, do tenente alcalde e deputado provincial Uxío Benítez, e dos integrantes do colectivo local OG Rippers, Teo López e Adrián Besada.

Na inauguración se realizou unha exhibición das diferentes modalidades deportivas como BMX, Skateboard, Scooter ou Roller, entre outras. O ámbito da intervención, financiada a través do Plan Concellos 2020, abarca uns 4.000 metros cadrados, dos cales preto de 1.400 corresponden ao skatepark, converténdoo nun dos maiores da provincia.

No deseño do skatepark participaron expertos en eventos como “O Marisquiño”.

No seu deseño contouse co asesoramento de expertos nestes deportes, participando no seu deseño un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”, ademais de ser fundamental en todo o proceso a participación da mocidade do municipio que practica algunha destas modalidades.