Tomiño construirá un dos maiores skatepark da provincia

No marco do proxecto Máis Goián, financiado pola Deputación de Pontevedra

Tomiño | O Concello de Tomiño levará a cabo a construción dunha nova área deportiva na contorna da Alameda de Goián, que estará composta por un skatepark e unha pista polideportiva. O espazo complementará outros equipamentos deportivos situados na área, como o campo de fútbol do Regatiño ou o pavillón de Goián.

A posta en marcha deste novo espazo está encadrado no marco do proxecto Máis Goián, un proxecto integral de reforma urbana que procura conectar todos os equipamentos públicos da vila a través da mobilidade peonil, situándoos a todos a menos de dous minutos de distancia camiñando, coa finalidade de crear un lugar de encontro para a veciñanza que constitúa o centro neurálxico da vida social e comercial de Goián.

O concelleiro de Planificación Estratéxica e Acción Urbana, Uxío Benítez, destaca o xeito no que se levou a cabo a planificación do proxecto do skatepark, onde foi fundamental a consulta cidadá. “Quixemos contar coa opinión da mocidade do municipio que practica estes deportes para saber que tipo de parque querían e con que elementos e compoñentes debía contar para que a práctica puidese realizarse nas mellores condicións posibles. Desde o Concello agradecemos a súa participación no proceso e valoramos moi positivamente as súas aportacións”, comenta.

“Para a elaboración do proxecto contactouse co asesoramento de expertos do deporte e empresas especialistas, participando no deseño un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”

Do mesmo xeito, para a elaboración do proxecto contactouse co asesoramento de expertos do deporte e empresas especialistas, participando no deseño un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”. O obxectivo é conseguir un equipamento atractivo e que permita un uso que vaia desde o nivel inicial ao avanzado, converténdoo nun dos skatepark referentes a nivel provincial e galego para a práctica de disciplinas freestyle sobre rodas coma o skate, bmx, scooter ou roller.

Desde o Concello informan que esta nova zona deportiva terá un uso escolar preferente pola mañá, polo que a área suporá tamén un aumento dos equipamentos e espazos cos que contará o CEIP Pintor Antonio Fernández.

O custo total da construción da nova área deportiva será de 229.364,12 euros, e será financiado ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!