Todo volve a funcionar no Val do Asneiro

Posta a punto dos muíños de Entre Ríos e a Ponte

Lalín | Como todo traballo feito con cariño, a restauración e as labores de posta a punto dos muíños de Entre Ríos e a Ponte, que xa tiñamos salvado do seu estado ruinoso no
ano 2002, nos proporcionan a inmensa alegría de comprobar como a contorna
natural biosaudable de Entre Os Ríos, recupera o seu esplendor de antano, co valor
engadido dos novos servizos achegados recentemente polo Museo Casa do Patrón.

As recentes obras de restauración, consolidación e posta en marcha do Muíño de
Entre Ríos, en serio perigo de derrube pola acción subterránea das augas, que levaba
preto de 20 anos sen funcionar, acometida pola Casa do Patrón, que superaron os
7.000 euros, invertidos en proxecto, permisos e obras de consolidación e restauración
exterior e interior de paredes, arranxo e reposición da maquinaria interna do muíño
(pechadoiro e rodicio) e limpeza de canles, 4755 dos cales serán aportados pola Deputación de Pontevedra, a través da súa liña de axudas ao Patrimonio Marítimo-
fluvial da provincia, así como a limpeza das presas e de ámbolos dous, as labores de mantemento realizadas no Muíño da Ponte, e acondicionamento das pontellas de
entrada ao recinto, permitirán que os muíños, por unha banda, continúen realizando
as súas labores de moenda tradicional dos “herdeiros” copropietarios dos mesmos,
aos que agradecemos a súa boa disposición e colaboración nos traballos executados,
e sobre todo a súa musealización, para ser utilizalos nas múltiples demostracións da
moenda tradicional en muíño de río para os numerosos colexios e visitantes do
Museo que nos solicitan esta actividade.

Contemplando este fermoso e singular conxunto, un decátase de que conta con dous
muíños ben restaurados, en perfecto estado de funcionamento, coas súas presas de
acceso e saída de auga cheas e ben limpas, a choiva caendo mansamente sobre as
copas das variadas árbores (ameneiros, bidueiros, carballos, e freixos), que contribúe
dun xeito decisivo a que o Asneiro vaia acadando a normalidade do seu caudal,
despois da intensa seca estival, así como a que a natureza agrome por todas partes,
as mesas e bancos de pedra e madeira listas para utilizar por veciños e visitantes, a
ruta homologada PR-G210, que transcorre a carón do río, atravesando este parque
natural, un miradoiro con fermosas panorámicas sobre o Pozo Negro, o aparcadoiro
de Os Muíños e todos os servizos necesarios para gozar dos elementos máis
auténticos da Galicia enxebre e profunda.

En definitiva, un verdadeiro paraíso no que paga a pena vivir, coa firme convicción de
que todo este traballo resulta necesario para manter vivo este inmenso patrimonio
natural que con tanto esforzo nos transmitiron os nosos antepasados, do que
podemos e debemos sentirnos ben orgullosos.

Por Manuel Blanco