Todo listo para o primeiro Corpus como Ben de Interese Cultural

Trala apertura dos portais, o Concello de Ponteareas presentou oficialmente a nova edición

Ponteareas | O Concello presentou a nova edición da festa do Corpus Christi para este ano 2024, logo da apertura dos portais o pasado 11 de maio. Unha edición que será a primeira coa distinción de Ben de Interese Cultural outorgado pola Xunta de Galicia, e que chega logo dos recoñecemento de Festa de Interese Internacional.

No acto presentouse o programa, no que destacan actividades como o festival Bailotea, o xoves 16 a desde as 19:00 horas no aparcadoiro Sarmiento Rivera; a exposición fotográfica sobre o Corpus Christi, a partir do sádabo 25 ás 20:00 horas no Auditorio Municipal; ou a primeira edición do Mini DHO Vila do Corpus, o primeiro descenso urbano que se celebra en Ponteareas, o venres 17.

O próximo 25 de maio será o día no que o ponteareán Rogelio Groba ofrecerá o pregón ás 21:00 horas na Casa do Concello e, posteriormente, haberá unha actuación musical a cargo da Orquesta de Cámara de Galicia. Dentro das actividades tamén se atopan a entrega de medallas do Corpus Christi e a ofrenda aos alfombristas, o luns 3 a partir das 19:30 horas.

Ademais, desde o sábado 25 ás 22:30 horas haberá un videomapping, que será proxectado os venres e os sábados de 22:30 a 02:00 horas. Durante a noite do Corpus, o horario estenderase ata as 06:00 horas.

A programación para celebrar o Corpus Christi está ideada para que todos os veciños e veciñas independentemente dos seus gustos ou idade poidan conmemorar a Festa de Interese Cultural e declarada BIC.

I edición do concurso Balcóns Floridos
O Concello lanza a primeira edición do concurso Balcóns Floridos, unha competición na que se valorarán as distintas decoracións florais dos balcóns da vila para incentivar a decoración das vivendas e recibir ao Corpus Christi. O certame xorde como unha iniciativa coa que poder reforzar o lazo entre a veciñanza e os espazos da vila mediante unha ornamentación acorde ás tradicións locais.

No acto de presentación do concurso, participou a alcaldesa, Nava Castro, a edil de Medio Ambiente, Silvia Fernández e o director da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega. Ambas institucións asinaron un convenio para este concurso no salón de plenos.

O xurado estará formado por un total de sete persoas: dous representantes do movemento Vilas en Flor de Galicia; o director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega; un profesor experto en materia paisaxística da USC; a alcaldesa, Nava Castro; a concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fernández e un técnico medioambiental do concello.

Haberá tres premios e un específico para os balcóns das vivendas situadas nas parroquias da vila. O primeiro estará dotado de 200€ máis un vale para produtos de xardinería por valor de 50€; o segundo terá unha dotación de 150€, e un vale para produtos de xardinería tamén por 50€; o terceiro recibirá unha cea para dúas persoas nun restaurante da vila, así como un vale en produtos de xardinería con valor de 25€. Pola súa banda, o balcón gañador na categoría de parroquias recibirá o mesmo recoñecemento que o que acade o primeiro posto.

Para participar, abonda con ser propietario ou arrendatario dunha vivenda que conte cun balcón ou unha ventá con vistas á rúa. Para gañar, teranse en conta varios criterios estilísticos e ornamentais, como o deseño, a orixinalidade ou o cromatismo, pero tamén serán de relevancia variables relacionadas coa sustentabilidade.

As inscricións estarán abertas ata o próximo día 30 de maio, e poderán facerse a través dun formulario dispoñible na web do Concello. Tamén será posible apuntarse de maneira presencial no rexistro do Concello en horario de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.