Sumar Galicia avanza na conformación do seu equipo político

O voceiro Paulo Carlos López aspira a un "cambio de goberno" na Xunta de Galicia

Santiago de Compostela | Sumar Galicia acusa ao PP de Feijóo e Rueda de asumir como propia a estratexia de tensión, descualificacións e impugnación do marco democrático da ultradereita, coa designación de Miguel Tellado como portavoz do PP no Congreso.

O portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, afirmou que Tellado é “o portavoz escollido polos axentes mediáticos máis reaccionarios”. Para a formación galega, “a ultradereita está a liderar unha reacción á que non lle importan a democracia nin as liberdades”.

Neste sentido, López sinalou que “para non quedaren descolgados dese liderado, os de Feijóo escollen asumir as súas teses e designan como portavoz a unha persoa cuxa traxectoria en Galicia se resume en insultos, soberbia e intimidación”. Para Sumar Galicia, Tellado é sinónimo de “antiparlamentarismo”.

O portavoz de Sumar Galicia criticou duramente o “reality show que montou o Partido Popular de Alfonso Rueda” na entrega de vivendas públicas “logo de 14 anos de inacción”. “No PP están nerviosos ante a evidencia do cambio político que vén e tratan de ocultar a súa incompetencia como xestores”, asegurou López, quen adiantou que a vivenda será “un elemento central na acción política de Sumar Galicia e no país que estamos a construír”.

O portavoz de Sumar lembrou que Galicia é a comunidade autónoma na que máis incrementou o prezo da vivenda no último ano e asegurou que “fronte ao modelo da especulación, Sumar Galicia aposta polo modelo dos dereitos”.

López amosouse preocupado pola posibilidade dun pacto do PP de Galicia con VOX e asegurou que “fronte ao negacionismo da violencia machista dos socios de Rueda, temos que seguir implementando o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero”. Asemade, esixiulle á Xunta de Galicia que a loita contra as violencias machistas sexa para o goberno galego unha prioridade política.

O portavoz asegurou estar seguro de que “se neste país precisan dos votos de Vox para manter o goberno, van facer o mesmo. Por iso é imprescindible que as forzas galegas democráticas e de progreso vaiamos con forza ás vindeiras eleccións e sexamos quen de formar un goberno á altura das galegas e galegos”. López asegurou estar convencido de que “as galegas e galegos saben que xa estamos traballando para presentar a alternativa da política útil co obxectivo de gobernar Galicia”.

Nos próximos días faranse públicos os nomes das persoas que compoñen a comisión promotora de Sumar Galicia. Un equipo que anticipan será “diverso, competente e plural que comparte o desexo dun cambio de goberno que permita inaugurar o país que está por vir”. Para Sumar Galicia, o futuro do país pasa por situar as políticas transformadoras de Sumar tamén no goberno galego. E para iso, iniciarán o proceso de escoita este sábado, día 2 de decembro, na cidade de Ourense.