Sostibilidade ambiental a través do proxecto Net-Zero en Ponteareas

Iniciativa de redución total de emisións de gases de efecto invernadoiro

Ponteareas | Ponteareas dá novos pasos na procura dunha maior sostibilidade. O Concello presentou ante a veciñanza, especialmente a representantes comerciais e empresariais e colectivos forestais da vila, o proxecto Net-Zero, unha iniciativa que busca a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro ata as cero emisións, acadando a sostibilidade ambiental e convertendo a Ponteareas nun referente na loita contra o cambio climático.

Na primeira fase do proxecto, o Concello realizou un cálculo das emisións de CO2 do municipio, que ascenden a 1.218 toneladas de CO2eq. Para acadar ese obxectivo de cero emisións, na segunda fase da iniciativa Ponteareas buscará compensar a súa pegada de carbono participando en proxectos ambientais locais, principalmente enfocados na conservación e mellora das masas forestais do municipio.

A alcaldesa, Cristina Fernández, destacou a importancia deste proxecto, “unha iniciativa na que temos que traballar todas e todos xuntos e colaborar de forma estreita coas asociacións e colectivos ponteareáns para facer fronte aos retos ambientais e camiñar cara a un modelo máis sostíbel”.

Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, salientou que o proxecto Net-Zero “é unha ferramenta fundamental para conseguir os obxectivos climáticos no noso municipio e unha oportunidade para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.