Sondaxes arqueolóxicas no mosteiro de San Xoán de Camba de Castro Caldelas

As actuacións, que permitirán saber máis sobre a evolución histórica, durarán catro meses

Castro Caldelas | Iniciouse unha nova campaña de sondaxes arqueolóxicos no antigo mosteiro de San Xoán de Camba, en Castro Caldelas, impulsada pola Xunta, en colaboración coa Diocese de Ourense e o concello caldelao. Ao abeiro destas actuacións realizaranse traballos en distintos puntos do exterior da igrexa para coñecer, estudar e analizar algúns aspectos da historia e orixes deste monumento.

Faranse cinco sondaxes arqueolóxicas manuais valorativas nunha superficie total de 48 m2 nunha zona preto da cabeceira leste da igrexa e na área das dependencias monásticas, onde se sitúa unha posible torre medieval. Tamén se actuará noutra área na que existen restos da conexión entre a igrexa e o antigo mosteiro, así como na zona preto do cemiterio.

Realizarase unha diagnose do estado de conservación dos restos arqueolóxicos que poidan aparecer e procederase a un levantamento topográfico xeorreferenciado, con fotogrametría 3D das áreas de intervención.  Está previsto efectuar, ademais, unha documentación exhaustiva fotográfica da escavación, incluída a realización de vídeo e fotografía aérea con tomas xerais do sitio histórico e de detalle das áreas de actuación. Unha vez rematados os traballos -para os que se estima unha duración de catro meses- haberá unhas xornadas de divulgación entre a comunidade local dos traballos que se leven a cabo e sobre os valores propios do lugar, incluíndo visitas guiadas.

Do século X
Estes traballos permitirán coñecer máis das orixes do antigo mosteiro de San Xoán de Camba, que ten a condición de ben catalogado e foi durante moito tempo unha importante abadía e real mosteiro, cunha comunidade de homes e outra de mulleres. A súa fundación data do século X, por obra de Diego I, bispo de Ourense. Desta primitiva construción só se conservan tres pezas de granito de claro estilo prerrománico: unha ventá xeminada e dous releves (unha adoración e unha flaxelación) gardados no Museo Arqueolóxico de Ourense.

A igrexa actual, dos séculos XVI-XVIII e que funciona na actualidade como templo parroquial, atesoura algunhas pezas artísticas de gran valor. A súa gran torre data de 1779, aínda que tamén conta cunha sancristía subterránea sen dúbida máis antiga na que apareceron varios sepulcros antropoides e moedas romanas do século IV d.C., o que reflicte os séculos de historia deste lugar.

Ao sur da igrexa, consérvanse parte das dependencias do antigo mosteiro, hoxe en ruínas e que no ano 2022 foron obxecto dunha intensa limpeza, roza e documentación, ademais de proceder ao seu peche perimetral para a súa protección. Trátase dunha actuación que tamén fora promovida pola Consellería de Cultura e que fai que nestes dous últimos anos o Goberno autonómico investise preto de 30.000 € para a súa posta en valor.